Axudas por incorporación de nova socia

Este ano foinos concedido unha axuda pola incorporación de Ana González García como nova socia de Cidadania. Dita axuda enmarcase dentro do programa APROL-Economía Social, que está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e financiada polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

O Ministerio de Igualdade publica os resultados da macroenquisa sobre violencia contra as mulleres

Esta enquisa, que se realiza aproximadamente cada 4 anos, permite coñecer a prevalencia da violencia exercida contra as mulleres polo feito de ser mulleres.

Como novidades, nas entrevistas levadas a cabo ampliáronse os temas a explorar, adaptándose ás directrices do Convenio de Estambul e dando resposta a medidas contempladas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Así, abórdanse o acoso sexual; amplíase o módulo de violencia sexual fóra da parella; os ítems cos que se mide a violencia sexual, psicolóxica e económica en parella; e as consecuencias físicas e psicolóxicas producidas por ter sufrido violencia machista.

Os resultados amosan un escenario que evidencia que a violencia contra as mulleres é estrutural, e pon de manifesto a necesidade de continuar traballando dende moitos ámbitos para erradicar a violencia de xénero.

Desenvolvemos un curso sobre relevo xeracional na cooperativa de ensino EDES en Asturias

Ao longo do mes de xullo tivemos a oportunidade de levar a cabo unha formación de relevo xeracional na cooperativa de ensino para persoas con discapacidade EDES, que ademais son centro especial de emprego e fundación.

Ante o reto de incorporar novas persoas socias á cooperativa, desenvolvemos esta formación nunha modalidade mixta, levando a cabo dúas sesións en liña de 4 horas cada unha, e outras dúas sesión de 4 horas en modalidade presencial, tendo en conta as medidas sanitarias e de seguridade.

Gustaríanos salientar o compromiso da cooperativa por levar a cabo este proceso de forma planificada, e coñecer proxectos tan interesantes mais alá de Galicia. Que gratificante é compartir, traballar e aprender xunto a persoas que comparten os valores cooperativos!

A participación en tempos de distancia social

Dende Cidadanía queremos compartir as nosas reflexións sobre as posibilidades de adaptar os espazos de participación aos requerimentos de distanciamento e seguridade que impón a situación provocada pola COVID-19.

Se ben a presencia física e as reunións cara a cara son o formato preferente sobre o que se constrúen os espazos de participación, esta nova realidade impúlsanos á creatividade á hora de procurar novos formatos e lugares de encontro aos que afacernos. Ademais, a necesidade do distanciamento físico presentounos a oportunidade de aprender sobre ferramentas dixitais que facilitan o contacto en tempos de distanciamento.

Este documento é un punto de partida que continuaremos actualizando, en base ás experiencias de participación que vaiamos desenvolvendo. Podedes consultalo neste enlace, e esperamos que sexa do voso interese.

REAS RdR cumpre 25 anos e convida ás entidades da ESS a participar no Balance Social 2020

“Non aceptes o habitual como cousa natural. Porque en tempos de desorde, de confusión organizada, de humanidade deshumanizada, nada debe parecer natural. Nada debe parecer imposible de cambiar”

Bertolt Brecht

REAS Red de Redes leva 25 anos traballando baixo esta idea, construíndo un tecido de iniciativas que, dende a sostibilidade e a autoxestión, demostran a viabilidade que supón centralizar ás persoas fronte aos beneficios.

O traballo en rede e a intercooperación promovida dende REAS logrou nestes anos agrupar a case 800 entidades, 44.000 persoas, baixo os grandes principios da Carta de principios da Economía Solidaria. Podes consultar mais datos interesantes nesta infografía.

E como se leva a cabo este traballo? A través de 3 liñas estratéxicas: levando a cabo unha incidencia social e política; fortalecendo o traballo en rede; e consolidando instrumentos comúns.

Ademais, estes días convídannos a todas as entidades que formamos parte da ESS a formar parte do Balance Social 2020, sobre o que podedes ler neste enlace.

Parabéns, e por moitos anos!

En Solidariedade Internacional de Galicia están de estrea!

Neste post queremos compartir con vos a nova web que estrea o equipo de profesionais de Solidariedade Internacional de Galicia. Para visitala, premede neste enlace.

O novo deseño da web pon de manifesto os valores que vertebran a organización, as súas ilusións, o seu compromiso e profesionalidade, e a súa historia. Ademais, comparten os proxectos que desenvolven na actualidade a través da cooperación, a educación, o traballo en rede e o comercio xusto.

Dende Cidadanía queremos agradecervos a aprendizaxe mutua nestes anos, e felicitarvos por esta nova imaxe na web.

REAS lanza unha guía de Iniciativas de Economía Solidaria fronte ao COVID-19

REAS Red de redes lanza esta guía colaborativa e en construción para mapear propostas e iniciativas que se están a articular dende a Economía Solidaria e a cidadanía na situación provocada polo COVID-19.

O obxectivo desta guía é o de poñer a disposición das persoas un instrumento colaborativo, vivo e creado de xeito participativo, que mostre iniciativas de denuncia, resistencia e alternativas desenvoltas no Estado fronte á situación sanitaria, co convencemento de que as iniciativas de Economía Social e Solidaria poden axudar no contexto actual.

Nesta guía recóllense iniciativas sociais de consumo, coidados, cultura e produción, entre outras. Tamén achégase unha reflexión sobre esta crise, baseada na Carta de Principios da Economía Solidaria. E por último, compártense unha selección de artigos de interese.

Queres contribuír a xerar valor social en Galicia? Coñece Coop57!

Cando gardas o teu aforro en Coop57, os teus cartos poden iniciar diversos camiños pero sempre cun rumbo común: contribuír á transformación social positiva da nosa economía e da nosa sociedade.

Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que apoia proxectos da economía social e solidaria, próximos, viables e democráticos, que coidan do medio ambiente e fomentan a inclusión social.

NUMAX, Milhulloa, Semente Trasancos ou Ecos do Sur, e moitas outras entidades, teñen empregado os servizos de Coop57 para financiar os seus proxectos nos últimos dez anos. Agora é o momento de facer que os teus cartos contribúan a xerar valor social en Galicia.

Podes saber mais sobre Coop57 premendo neste enlace.

Aforra en Coop57 #UnRumboComún

Ana González, nova socia de Cidadania

Estamos de noraboa en Cidadania: Ana González súmase ao noso equipo como socia. Aínda que leva un tempo con nos, a alta como socia na cooperativa formalizouse neste mes de marzo.

Non podemos estar máis contentas, sumando ao equipo unha profesional que nos achega novas formas de facer desde unha perspectiva feminista e transformadora.

Orgullosas de seguir medrando e apostar desde o cooperativismo pola igualdade e a xeración de emprego. Nesta semana na que temos presente o 8M, non podiamos festexalo de mellor forma!

Organizamos encontros co sector pesqueiro nos territorios da Costa da Morte e no Golfo Ártabro Norte

Estes proxectos de dinamización teñen por obxectivo informar ás persoas que integran o sector pesqueiro sobre a nova convocatoria do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestionan os GALP. Ademais, estes espazos de participación son importantes de cara a poñer en común as necesidades do sector, e impulsar proxectos que fomenten o desenvolvemento local das zonas costeiras.

Mediante a posta en marcha destes procesos preténdese mellorar a efectividade de ditos fondos no desenvolvemento social e económico dos territorios, prestando atención a tres aspectos clave: contribución ao fomento do emprego no sector pesqueiro; reforzo do mar como motor do desenvolvemento local; e promoción de proxectos do sector para a preservación dos recursos do mar.