Redes

Ugacota
Entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores. Ten como obxectivos agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Coop 57 Galicia
Sección Territorial de Coop57. A base social de sócias de servizos, pertencente na súa maior parte ao ámbito cooperativo, tense diversificado a outras realidades da economía solidaria como o asociacionismo das ONG’s; da discapacidade; do feminismo e do ecoloxismo.

Red CIMAS
Profesionais da área das ciencias sociais e persoas formadas en distintas disciplinas comprometidas activamente coa contorna social e política, na que interveñen con criterios de diversidade, inclusividade, creatividade e cooperación. Constituídas en rede, con nodos en diferentes países de Europa e Latinoamérica, unidos polo obxectivo da transformación social nun contexto de sustentabilidade e de situar ás persoas e comunidades no centro da vida, apostando por una re-definición do marco do público no espazo do procomún. Traballan de forma cooperativa con diferentes redes sociais e entidades cidadás e académicas.

REAS Galicia
Confórmana entidades dos sectores de produción e transformación ecolóxica, comercialización de produto ecolóxico e comercio xusto; tecnoloxías da información e a comunicación; deseño gráfico; bioconstrución; inserción sociolaboral; difusión, animación e produción cultural e educativa; artesanía; e apoio ao cooperativismo. Os seus obxectivos son impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e o medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos...). Apoia, así mesmo, o desenvolvemento de recursos financeiros éticos e solidarios.