Formacións cooperativas

Hai unhas semanas anunciabamos o comezo dos cursos de formación organizados por Espazocoop e impartidos por Cidadanía dirixidos a fortalecer a organización das entidades da economía social: asembleas e reunións e regulamento de réxime interno nas cooperativas.

Ademais dos nosos propios materiais, que podedes consultar no apartado de publicacións da nosa web, prestaríanos compartir con vos un manual elaborado por Adolfo Estalella con pautas que nos aportarán unha guía para facer unha asemblea. Este manual pretende aportar algúns recursos que axuden a reunirnos, debater, dialogar, enfrontarnos (dialecticamente), discrepar…

Recursos para organizar encontros, que non só nos permitan discutir cousas en común senón tamén construír asuntos comúns. Podedes consultar o manual aquí.

Esperamos que sexa de proveito nas vosas organizacións!

Menos es Max

No post desta semana gustaríanos facernos eco do xogo “Menos es Max”, que integra a reflexión, a investigación e a acción a través do seu taboleiro. Este xogo basease na economía do Ben Común, así como no libro de Manfred Max-Neef ‘Desarrollo a escala humana’, que podedes consultar neste enlace.

O obxectivo do xogo é satisfacer as 9 necesidades humanas fundamentais, mediante unhas alas que conseguimos a través dunhas cartas con sorpresas agradables ou desagradables. A aposta que marcará o xogo será o único ben co que contamos realmente: o noso tempo.

Na páxina web do xogo podedes ver tódalas experiencias e persoas que xa xogaron a Menos es Max. Dende Cidadanía tamén probamos e parécenos que ten un gran potencial educativo!

I PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA DE MOAÑA

Ao longo destes últimos meses estivemos apoiando o proceso participativo para deseñar, de xeito comunitario, o I Plan de Infancia e Adolescencia en Moaña. Este plan pretende definir e ordenar medidas que guíen as accións municipais en relación ás crianzas e adolescentes, para que Moaña consiga o recoñecemento, por parte de UNICEF, de Vila Amiga da Infancia.

Nun primeiro momento levouse a cabo unha diagnose sobre as necesidades do Concello con respecto a diferentes áreas municipais: lecer, espazo público, educación, etc. Para facer esta diagnose o mais participativa posible, fixéronse entrevistas ao persoal técnico do Concello, así como á Federación de ANPAS. Por outro lado, contouse co apoio dos Centros de Ensino, a través do profesorado dos CEIPs e dos IES.

A partir desta diagnose, elaborada entre persoal técnico do concello, a corporación municipal e as nenas, nenos e adolescentes da vila, perfiláronse unha serie de medidas, que, despois do contraste co grupo de traballo, serán presentadas no vindeiro pleno municipal.

Dende este espazo, gustaríanos agradecer a implicación do profesorado para achegar esta diagnose ás aulas, facilitando a participación de aproximadamente 620 nenos e nenas moañesas.

Actividade de diagnose e propostas nas aulas dos CEIPs