Como introducir a perspectiva de xénero na participación?

Compartimos con vos este interesante vídeo da Escola de participación cidadá do Concello de Narón e dinamizada pola cooperativa Rexenerando, no que reflexionamos sobre as boas prácticas para promover a participación das mulleres en distintos procesos participativos, dende a perspectiva de xénero.

A xornada contou coas achegas da cooperativa catalana Col·lectiu Punt6, que promove proxectos de participación no ámbito do urbanismo, e de Beatriz López Rey, da cooperativa Arabías, especialista na análise de políticas locais de xénero, na participación cidadá e en dereitos humanos.

Grazas por compartir algunhas claves!

Traballamos coas mulleres do mar da Mariña – Ortegal na construción da súa memoria e identidade colectiva

Neste proxecto promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña – Ortegal no 2020 afondamos na memoria profesional dos colectivos de redeiras e mariscadoras a pé dos concellos de Cedeira, Cariño, Mañón (O Barqueiro) e Burela.

A través de reunións en pequenos grupos de mulleres, abordamos anécdotas da súa vida ligada ao mar, fitos importantes que marcaron momentos clave para a mellora dos seus dereitos profesionais, e mulleres referentes que abriron camiño. Con estas conversas e apoiándonos en documentos gráficos e obxectos, fomos construíndo unha identidade colectiva de ambas profesións no territorio, recoñecendo os avances acadados, e tamén os retos que redeiras e mariscadoras identifican nas súas profesións.

Agradecemos ás asociacións de redeiras e ás agrupacións de mariscadoras a súa xenerosidade compartindo tantas historias que merecen recoñecemento, e que coa súa experiencia profesional e a súa actitude seguen construíndo un sector pesqueiro máis igualitario.