Arrancan os orzamentos participativos da mocidade de Compostela

De cara a 2024, acompañamos ao Departamento de Xuventude do Concello de Santiago no proceso de Orzamentos Participativos. A mocidade compostelá entre 16 e 30 anos que residan, estuden ou traballen en Santiago de Compostela decidirán o destino de 100.000 € para a programación de actividades que se desenvolverán ao longo do ano que vén.

Os orzamentos participativos contarán con dúas fases fundamentais: a presentación de propostas e a votación a través de medios telemáticos. A fase de presentación de propostas combinará a modalidade presencial e en liña, para o que comezamos a achegarnos aos institutos compostelás para informar sobre o inicio do proceso e desenvolver obradoiros de reflexión conxunta e presentación de propostas. As temáticas das propostas xiran arredor do lecer, o medio ambiente, a igualdade, a inclusión, a cultura ou o voluntariado.

 

Promovendo a educación para a cidadanía global da man do Globo

O Globo, proxecto promovido por Solidariedade Internacional de Galicia, continúa consolidándose como ferramenta para a promoción da cidadanía global entre a mocidade e o tecido asociativo galego. Xa son máis de 70 as microexperiencias de transformación social que forman parte deste Observatorio de participación, que mostra as iniciativas transformadoras do alumnado de centros educativos, entidades sociais, cooperativas e sociedade organizada para a mellora da súa contorna.

A promoción da igualdade de xénero, o coidado medioambiental, a saúde mental, ou o consumo responsable son algunhas das temáticas destacadas entre as microexperiencias de transformación social, que podes ver aquí.

O Globo tamén é unha Escola de participación, que desenvolve formacións arredor da cidadanía global, a participación, os liderados transformadores, e o intercambio de experiencias con referentes do Sur Global. Se formas parte do profesorado, podes inscribirte na formación programada para o 2024 sobre Educación para a cidadanía global como ferramenta socio-educativa, onde poñer en práctica co alumnado a metodoloxía luces – cámara e acción e promover a transformación social da súa contorna. Para mais información preme aquí.