Inaugúrase a exposición Elas Deciden: Corpo, territorio e paz

A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz coordina o proxecto Elas Deciden: promover a equidade de xénero facilitando espazos de reflexión crítica e aprendizaxes significativas para imaxinar e construír colectivamente alternativas de xustiza social. Nesta edición, Elas Deciden xirou arredor dos conceptos corpo, territorio e paz.

Ao longo do Elas Deciden desenvolvéronse espazos de encontro entre mulleres do norte e do sur global, poñendo o foco na importancia das mulleres implicadas na pesca costeira artesanal. Mariscadoras e curileras, pescadoras, xunto con tejedoras e redeiras, reflexionaron sobre os seus oficios e os vínculos cos conceptos corpo, territorio e paz: a importancia da sostibilidade ambiental, o coidado dos recursos, o corpo como ferramenta, o traballo en colectivo, as redes de apoio e a defensa do territorio son algunhas das reflexións que se recollen nesta exposición colectiva, que tece vínculos a través dun océano. En Galicia participaron mariscadoras de Vilanova de Arousa, vinculadas á Asociación Mulleres Salgadas; e redeiras de Portosín, da Asociación de redeiras do cerco.

Onte foi a inauguración da exposición fotográfica e sonora, onde podemos achegarnos á realidade das mulleres do mar do Salvador e de Galicia. A exposición pode visitarse no Museo do Pobo Galego ata finais de xullo: non vola perdades!

 

A Aula Sostible do Freixo acolle a visita de Circular Way to Inclusion

A Aula Sostible do Freixo xorde como un centro de transformación de lixo mariño consolidado arredor dun programa de actividades centradas na reutilización de refugallos mariños, dándolles unha segunda vida e deseñando novas pezas de utilidade para profesionais do sector pesqueiro. Este proxecto recibía no 2023 o segundo Premio de Excelencia a la Innovación para Mujeres Rurales que outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. A Aula Sostible do Freixo leva no seu ADN a colaboración, sendo promovido pola Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría Muros Noia, e participado por Misela, Adisbismur, A Creba Saúde Mental, e o Concello de Outes, contando co financiamento do GALP Costa Sostible.

Estes días recibiu a visita do proxecto europeo Circular Way to Inclusion, que trata de implicar á mocidade na promoción de proxectos de economía circular. As mariscadoras a pé de Muros amosaron o seu traballo no mar ás visitantes, dando a coñecer esta actividade pesqueira ás entidades socias de Circular Way to inclusion: a área de mocidade do Concello de Santiago, a Fundación PAIDEIA, Economía Circular Portugal e o Impact Hub Liepaja (Letonia).

Despois, unha andaina polo Muíño das Mareas, situado no Concello de Muros, levounos á Aula Sostible do Freixo, onde a familia do proxecto explicou a súa actividade ás participantes. A semana que vén acollerase á mocidade, polo que estade atentas ás redes da Aula Sostible!

Nove Mares chega a porto cos últimos espazos xeradores de cultura

Ao longo dos últimos meses a Costa da Morte acolleu os espazos xeradores de cultura, lugares para a reflexión e o intercambio arredor de distintas temáticas: as romarías, os deportes, os camiños e os oficios, deron paso á lingua e á despensa do mar. Estes espazos puxeron en valor iniciativas desenvoltas no territorio, que son referentes da Economía Azul, e deron pé a indagar de maneira colectiva sobre novas posibilidades para o desenvolvemento económico sostible da Costa da Morte.

 

A despensa do mar

A confraría de Laxe abría as súas portas para falar arredor dos produtos pesqueiros, unha das sinais de identidade da zona costeira. As poñencias correron a cargo de Xosé Regueira, vicepresidente de la Deputación da Coruña, que expuxo o proxecto Fogóns do Anllóns;Jorge Guitián, periodista, divulgador e crítico gastronómico, e Antonio Otín, do Forno de Guísamo, ben coñecido polas súas Empanadas do Mar. A Fundación Eduardo Pondal acolleu a segunda sesión, centrada na gastronomía local.

 

As artes do mar

O Museo Man de Camelle, espazo simbólico das artes do mar, acolleu este espazo xerador de cultura arredor das artes. Bernardino Martínez trazou un percorrido das representacións artísticas históricas na Costa da Morte, dando paso a Virginia Barros, que abordou distintas intervencións artísticas con material de refugallo de Mar de Fabula. Despois, Belem Tajes abordou o impacto da Costa da Morte na súa música, e tamén das súas recollas da música tradicional.

 

A língua

O Coído de Sabadelle, no concello de Vimianzo, foi o escenario onde se desenvolveu o último espazo xerador de cultura. Ademais do mar, o protagonismo foi para o poeta e narrador de Ponte do Porto Rafael Lema, e o empresario soneirán Ricardo Álvarez do proxecto «Auga de mar». O espazo natural deu lugar a sacar á luz a importancia deste enclave baleeiro, e tamén a desenvolver un obradoiro poético. Despois, o Castelo de Vimianzo abriu ás súas portas ás conclusións xerais extraídas dos espazos xeradores de cultura.

Pero os Nove Mares non rematan aquí! Segue as súas redes para ter información sobre as novidades.

Páxina web | Redes sociais