Se aínda non atopastes lecturas para o verán…

Recentemente estivemos actualizando o apartado de publicacións da web de Cidadanía, compartindo materiais que estivemos a desenvolver nos últimos meses.

Destacamos as Guías de participación cidadá, elaboradas para Solidariedade Internacional de Galicia, que achegan a cultura da participación á mocidade. Son unidades didácticas e dinámicas para levar á aula ou traballar nas propias organizacións, fortalecendo os valores democráticos e as capacidades para a transformación social.

Ademais, compartimos dúas guías para a constitución e a dinamización de Mesas locais contra a violencia de xénero, que conteñen distintas pautas para favorecer un bo funcionamento destes espazos de coordinación entre diferentes axentes.

Esperamos que estes documentos sexan tamén de utilidade nas vosas organizacións e proxectos!

Cidadanía traballa co GDR da Costa da Morte para impulsar a Marca do Territorio: Costa da Morte, terra atlántica

O GDR Costa da Morte está impulsando a creación dunha marca territorio que consolide e potencie a súa identidade, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo parámetros de calidade e valor diferencial.

A Costa da Morte non son só faros (que tamén, e ben impresionantes), senón unha terra que produce, que ofrece servizos, na que hai empresas punteiras que destacan pola calidade e o talento. Esta marca que nace representará esas propiedades, poñéndoas en valor e visibilizándoas de cara ao exterior.

A finalidade desta Marca é distinguir, visibilizar e consolidar no mercado os produtos e servizos de empresas da Costa da Morte que contribúan ao desenvolvemento rural.

Un grupo de mulleres mariscadoras da Ría de Muros – Noia participan nun curso de formación dinamizado por Cidadanía

Cidadanía, en colaboración co GALP Costa Sostible, está a dinamizar un obradoiro de formación dirixido ás mulleres do mar, co obxectivo de reforzar as súas habilidades sociais e facer máis eficaces as súas asembleas e espazos de participación.

A través de distintas actividades individuais e grupais, as mulleres participantes están traballando estratexias para mellorar e reforzar o seu desenvolvemento persoal e profesional. As dinámicas teñen un carácter práctico, para que as aprendizaxes realizadas sexan aplicables no seu día a día.

Os contidos do curso abarcan o recoñecemento das propias capacidades para un liderado transformador, as habilidades para a resolución de conflitos e mediación, así como a mellora da comunicación e destrezas para falar en público.

Cidadanía traballa con AGACAL para definir as normas da artesanía alimentaria

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, AGACAL, está a desenvolver o proceso de definición das normas técnicas dos produtos alimentarios artesás.

Para establecer estas normas, conta coa participación do sector, que traballa conxuntamente sobre as propostas técnicas, co obxecto de definir que se considera artesanía alimentaria en cada actividade: xeados, confeitería, conservas vexetais, sidra, requeixo, etc.

Coa regulación da artesanía alimentaria búscase recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que esta representa para Galicia. Ademais, a definición destas normas preservará ás empresas artesanais alimentarias que elaboran produtos de xeito tradicional e estimulará o seu recoñecemento por parte das persoas consumidoras.

Ben Mercado, a tenda da Economía Social Galega

A pasada fin de semana celebrouse en Vigo a Mostra de Economía Social, onde Ben Mercado participou cun stand para darse a coñecer como portal de produtos locais galegos a favor dun consumo consciente.

Os produtos e servizos de Ben Mercado están realizados respectando os principios da democracia e a igualdade. Actualmente hai mais de 20 empresas vendendo e creando unha comunidade que medrará pouco a pouco, e que ofrece produtos e servizos nos sectores da alimentación, arte, cultura, educación, decoración, infantil, moda, lecer, servizos ou tecnoloxía.

Detrás de cada produto hai un proxecto de economía que busca unha sociedade máis xusta e sustentable, polo que se xestionades ou formades parte dunha entidade de economía social ou compartides na práctica os principios da democracia, a igualdade e a sustentabilidade, animádevos a participar neste proxecto escribindo a tenda@benmercado.gal.

E se queredes coñecer e mercar algúns dos produtos da economía social galega, visita www.benmercado.gal!

Formacións cooperativas

Hai unhas semanas anunciabamos o comezo dos cursos de formación organizados por Espazocoop e impartidos por Cidadanía dirixidos a fortalecer a organización das entidades da economía social: asembleas e reunións e regulamento de réxime interno nas cooperativas.

Ademais dos nosos propios materiais, que podedes consultar no apartado de publicacións da nosa web, prestaríanos compartir con vos un manual elaborado por Adolfo Estalella con pautas que nos aportarán unha guía para facer unha asemblea. Este manual pretende aportar algúns recursos que axuden a reunirnos, debater, dialogar, enfrontarnos (dialecticamente), discrepar…

Recursos para organizar encontros, que non só nos permitan discutir cousas en común senón tamén construír asuntos comúns. Podedes consultar o manual aquí.

Esperamos que sexa de proveito nas vosas organizacións!

Menos es Max

No post desta semana gustaríanos facernos eco do xogo “Menos es Max”, que integra a reflexión, a investigación e a acción a través do seu taboleiro. Este xogo basease na economía do Ben Común, así como no libro de Manfred Max-Neef ‘Desarrollo a escala humana’, que podedes consultar neste enlace.

O obxectivo do xogo é satisfacer as 9 necesidades humanas fundamentais, mediante unhas alas que conseguimos a través dunhas cartas con sorpresas agradables ou desagradables. A aposta que marcará o xogo será o único ben co que contamos realmente: o noso tempo.

Na páxina web do xogo podedes ver tódalas experiencias e persoas que xa xogaron a Menos es Max. Dende Cidadanía tamén probamos e parécenos que ten un gran potencial educativo!

I PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA DE MOAÑA

Ao longo destes últimos meses estivemos apoiando o proceso participativo para deseñar, de xeito comunitario, o I Plan de Infancia e Adolescencia en Moaña. Este plan pretende definir e ordenar medidas que guíen as accións municipais en relación ás crianzas e adolescentes, para que Moaña consiga o recoñecemento, por parte de UNICEF, de Vila Amiga da Infancia.

Nun primeiro momento levouse a cabo unha diagnose sobre as necesidades do Concello con respecto a diferentes áreas municipais: lecer, espazo público, educación, etc. Para facer esta diagnose o mais participativa posible, fixéronse entrevistas ao persoal técnico do Concello, así como á Federación de ANPAS. Por outro lado, contouse co apoio dos Centros de Ensino, a través do profesorado dos CEIPs e dos IES.

A partir desta diagnose, elaborada entre persoal técnico do concello, a corporación municipal e as nenas, nenos e adolescentes da vila, perfiláronse unha serie de medidas, que, despois do contraste co grupo de traballo, serán presentadas no vindeiro pleno municipal.

Dende este espazo, gustaríanos agradecer a implicación do profesorado para achegar esta diagnose ás aulas, facilitando a participación de aproximadamente 620 nenos e nenas moañesas.

Actividade de diagnose e propostas nas aulas dos CEIPs

Participa no 4º Encontro de Economía Alternativa e Solidaria!

O día 6 de abril terá lugar no Centro Equal, en Coles, Ourense, a 4º edición do Encontro de Economía Alternativa e Solidaria organizada por REAS Galicia.

Este encontro pretende ser un espazo onde tecer rede entre as diferentes entidades que queiran participar, así que animámosvos a facer a inscrición premendo neste enlace.

Este é o programa do día:

11.00 – 11.15h REAS, e isto para que serve?

11.15 – 13.00h REAScunchiño. Micropresentacións das entidades presentes no Encontro.

13.00 – 14.30h Dinamizar un mercado social (mesa + obradoiro)

14.30 – 16.30h Xantar e paseo para tecer rede.

16.30 – 18.00h Actividade lúdica sobre consumo responsable.

Vémonos o día 6!

A avaliación intermedia dos grupos de acción local do sector pesqueiro

Ao longo destes últimos meses, varios Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) están facendo a avaliación intermedia das súas estratexias, as cales teñen como obxectivo dinamizar o territorio a través das axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Os GALP son  entidades que colaboran na xestión deste Fondo coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

A xestión do FEMP nas zonas costeiras artéllase en base ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas, que foron aprobadas ao inicio deste período de fondos no ano 2016. Recollen a visión dos axentes territoriais definindo e poñendo en común as liñas de actuación que son consideradas prioritarias para o desenvolvemento sostible das zonas costeiras.

Neste momento, dende un enfoque de traballo netamente participativo, Cidadania está apoiando a varios GALP de Galicia, na realización dos procesos de avaliación. Para isto defínense espazos de traballo nos que se pretende achegar a información da execución do Fondo ao tecido de axentes locais e recoller tamén a súa visión e propostas de mellora, cara o cumprimento dos obxectivos no que resta do período de programación.

Este traballo contribuirá a mellorar a xestión do Fondo, reforzando tamén a gobernanza das entidades do sector pesqueiro, e como non, do conxunto de axentes do territorio.

Recentemente, a Consellería do Mar, publicou unha nova orde reguladora do programa de axudas do FEMP que xestionan o GALP. Podes consultala aquí.