Acompañamento ás Mesas Locais de coordinación inter-institucional contra a violencia de xénero

Ao longo destes últimos meses estivemos traballando, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, na activación e posta en marcha das Mesas Locais de Coordinación Inter-institucional contra a violencia de xénero en diferentes concellos galegos.

Este proxecto ten como obxectivo facilitar o traballo grupal e reforzar a participación dos e das axentes implicados nas Mesas Locais, así como mellorar a eficiencia do espazo (establecemento de obxectivos, toma de decisións, dinamización das reunións, etc).

As Mesas Locais pretenden fortalecer a resposta institucional contra a violencia de xénero, ofrecendo unha atención integral e coordinada ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia machista. Entre os obxectivos xerais das Mesas sitúanse a detección de casos, a mellora na coordinación entre axentes implicados na loita contra a violencia de xénero para abordala de xeito integral, a formación entre profesionais e a sensibilización en igualdade de cara á sociedade.