Declaración final do Foro de Metodoloxías Participativas

Cidadania participou no Foro de Metodoloxías Participativas celebrado en Madrid entre os días 22 e 24 de abril de 2016. Como conclusión deste Foro emitiuse a seguinte declaración colectiva:

Reunidas case 400 persoas profesionais e activistas que usamos as metodoloxías participativas nos estados portugués e español, durante os días 22 a 24 de abril de 2016, queremos facer a seguinte declaración e chamamento ás nosas sociedades:

En primeiro lugar constatar que nas últimas décadas foi moi notable a amplitude e crecemento das experiencias nas nosas cidades e pobos, nos nosos traballos e centros de ensino, entre a mocidade e entre persoas maiores. Pero non todo o que se chama participación pode ser considerado como tal, non se poden confundir as prácticas de solicitude de opinión para lexitimar decisións tomadas previamente, coa participación plena e a construción colectiva.

En segundo lugar quixeramos destacar o afán de transformación social que perseguen estas metodoloxías participativas, para poder superar bloqueos que a propia sociedade e os poderes establecidos ás veces poñen á creatividade social. De forma destacada, as mobilizacións sociais nos nosos países nos últimos anos, ante as crises que se nos impuxeron, recorreron reiteradamente a poñer en marcha estas metodoloxías, mostrando ademais o seu sentido socio-político para cambios en profundidade. Coa práctica desde estas mobilizacións e con novas experiencias en barrios, cooperativas e movementos sociais, chegouse a innovar amplamente, contribuíndo a unha democratización desde a vida cotiá, que se estende de forma máis xeral a poderes e saberes compartidos.

En terceiro lugar as metodoloxías participativas avanzaron na súa parte científica de coñecemento e de construción colectiva. Neste mesmo Foro houbo unha mostra das renovadas achegas que se presentaron, tanto desde as demostracións empíricas como desde lóxicas complexas e rigorosas, que levan o debate cara á construción colectiva. Constatamos que se dilúe a separación entre coñecemento científico e construción comunitaria do saber, que hai unha poderosa creación de intelixencia colectiva por parte dos movementos sociais.

Pero aínda quedan bastantes retos para facer avanzar estes coñecementos e estas formas de transformación social. Neste Foro constatamos que o camiño se fai ao andar e que só estamos nas primeiras décadas en que se sistematizan estas metodoloxías nas súas diferentes versións. Desde o Congreso de Cartaxena de Indias de 1977 até o de 1997, xa se avanzou notablemente, pero este Foro pretende presentar esta Declaración e estes Retos ao Simposio Internacional de 2017:

1 Chegar a ser unha cidadanía crítica e activa que basee a súa acción na sustentabilidade, no territorio e que desenvolva unha participación inclusiva, plural e igualitaria.

2 Construír un sistema de goberno participativo, que non só permita senón que potencie procesos participativos reais.

3 Tomar conciencia e integrar a transversalidade da arte nos procesos participativos.

4 Reformular os procesos participativos para que sexan inclusivos e incorporen a diversidade da poboación.

5 Fortalecer a rede de vínculos e espazos de encontro.

6 Conseguir que a educación sexa un proceso sociopolítico e crítico desde a participación.

7 Conseguir que ss TIC´s sexan unha ferramenta cotiá e transversal para a participación con carácter de mutua complementariedade cos espazos presenciais.

8 Acadar fórmulas híbridas de participación para a sustentabilidade e o coidado dos procesos, a través do emocional, o corporal, e a subxectividade.