Presentación do informe de avaliación dos Grupos de Acción Costeira

O 15 de xullo celebrouse na Finca Somoza en Santiago de Compostela a presentación da avaliación social e organizativa do Eixe IV do Fondo Europeo de Pesca para os Grupos de Acción Costeira.

O principal obxectivo deste encontro organizado pola Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia era presentar os resultados obtidos do informe e sinalar as principais propostas para o desenvolvemento de novas iniciativas no novo marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Cidadania foi a responsable da realización dos informes de avaliación para cada un dos Grupos de Acción Costeira.Nestes informes deuse conta das iniciativas desenvoltas por cada Grupo e o seu grao de execución, así como a definición de propostas de mellora para o futuro período de programación. A metodoloxía empregada para a elaboración dos diferentes informes combinou un enfoque participativo cunha análise de diferentes indicadores de carácter cuantitativo e cualitativo.

Ao encontro asistiron representantes dos diferentes Grupos de Acción Costeira e da Consellería de Medio Rural e do Mar, e contou coa presenza da Conselleira Rosa Quintana.

Cooperativismo: sustentabilidade e innovación social

Cidadania participou neste encontro cun relatorio sobre como por en marcha unha cooperativa de servizos sociais. O encontro, organizado pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social,  celebrouse o venres 4 de xullo no Centro Agora da Coruña e contou coa presenza de numerosas cooperativas deste ámbito como Suara, El Orrio, Trabensol, Fundación COCOPE, Taller Escola Barceloneta, Luscofusco, Red Koopera, ou Vitivinícola del Ribeiro.

No transcurso do mesmo analizáronse as posibilidades de emprendemento cooperativo no ámbito dos servizos sociais, os seus efectos sobre a calidade na prestación destes servizos e as posibilidades de creación de emprego. O encontro contou cunha presenza significativa e moi activa de cooperativistas, persoas emprendedoras, persoal técnico e responsables da prestación de servizos sociais das administracións local e autonómica.

II Seminario técnico proxecto Symbios

O pasado 19 de xuño celebrouse no Museo do Pobo Galego o II Seminario técnico do proxecto Symbios, organizado pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión e coordinado tecnicamente por Cidadania. Neste seminario analizáronse diferentes iniciativas de ámbito europeo que traballan pola inclusión social de territorios en declive demográfico.

Cidadania desenvolveu dinámicas de participación activa de todas as persoas que asistiron ao seminario. Para isto combinouse o traballo en pequenos grupos e en plenario, o que fomentou o aproveitamento dos saberes e a creación colectiva de coñecemento.

Cidadania foi contratada pola Dirección Xeral de Familia e inclusión para realizar labores de apoio técnico no desenvolvemento do proxecto Symbios. Esta iniciativa  fomenta o intercambio e aprendizaxe sobre os desafíos do cambio demográfico e as súas consecuencias no benestar e na inclusión social da xente e dos territorios. A páxina web http://www.proxectosymbios.eu/, ademais de recoller información significativa sobre o proxecto e o contexto no que se desenvolve, recolle diferentes iniciativas que están presentes en Galicia e noutros territorios.