Un grupo de mulleres mariscadoras da Ría de Muros – Noia participan nun curso de formación dinamizado por Cidadanía

Cidadanía, en colaboración co GALP Costa Sostible, está a dinamizar un obradoiro de formación dirixido ás mulleres do mar, co obxectivo de reforzar as súas habilidades sociais e facer máis eficaces as súas asembleas e espazos de participación.

A través de distintas actividades individuais e grupais, as mulleres participantes están traballando estratexias para mellorar e reforzar o seu desenvolvemento persoal e profesional. As dinámicas teñen un carácter práctico, para que as aprendizaxes realizadas sexan aplicables no seu día a día.

Os contidos do curso abarcan o recoñecemento das propias capacidades para un liderado transformador, as habilidades para a resolución de conflitos e mediación, así como a mellora da comunicación e destrezas para falar en público.

Cidadanía traballa con AGACAL para definir as normas da artesanía alimentaria

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, AGACAL, está a desenvolver o proceso de definición das normas técnicas dos produtos alimentarios artesás.

Para establecer estas normas, conta coa participación do sector, que traballa conxuntamente sobre as propostas técnicas, co obxecto de definir que se considera artesanía alimentaria en cada actividade: xeados, confeitería, conservas vexetais, sidra, requeixo, etc.

Coa regulación da artesanía alimentaria búscase recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que esta representa para Galicia. Ademais, a definición destas normas preservará ás empresas artesanais alimentarias que elaboran produtos de xeito tradicional e estimulará o seu recoñecemento por parte das persoas consumidoras.