Impúlsase nas rías de Arousa e Muros – Noia a dinamización do sector pesqueiro para fomentar proxectos innovadores relacionados co crecemento azul

Durante o mes de xullo Cidadanía mantivo as primeiras reunións e entrevistas con distintas persoas profesionais do mar, para presentar esta iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

O Crecemento Azul entende o desenvolvemento local como un modelo baseado en estratexias de dinamización e cooperación entre axentes locais, que poñan en valor os recursos propios dos territorios dunha maneira sostible.

Mediante esta iniciativa preténdese mobilizar e implicar ao sector pesqueiro cara a xeración de proxectos, fomentando que sexa a propia xente do mar quen aproveite as liñas de axuda existentes para poñer en marcha ideas que dinamicen a economía local e xeren emprego. Así mesmo, procúrase favorecer a transferencia de coñecementos entre institucións educativas e científicas e a xente do mar, vinculando á xente nova que está a formarse, coas persoas xa activas no sector.

Se aínda non atopastes lecturas para o verán…

Recentemente estivemos actualizando o apartado de publicacións da web de Cidadanía, compartindo materiais que estivemos a desenvolver nos últimos meses.

Destacamos as Guías de participación cidadá, elaboradas para Solidariedade Internacional de Galicia, que achegan a cultura da participación á mocidade. Son unidades didácticas e dinámicas para levar á aula ou traballar nas propias organizacións, fortalecendo os valores democráticos e as capacidades para a transformación social.

Ademais, compartimos dúas guías para a constitución e a dinamización de Mesas locais contra a violencia de xénero, que conteñen distintas pautas para favorecer un bo funcionamento destes espazos de coordinación entre diferentes axentes.

Esperamos que estes documentos sexan tamén de utilidade nas vosas organizacións e proxectos!

Cidadanía traballa co GDR da Costa da Morte para impulsar a Marca do Territorio: Costa da Morte, terra atlántica

O GDR Costa da Morte está impulsando a creación dunha marca territorio que consolide e potencie a súa identidade, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo parámetros de calidade e valor diferencial.

A Costa da Morte non son só faros (que tamén, e ben impresionantes), senón unha terra que produce, que ofrece servizos, na que hai empresas punteiras que destacan pola calidade e o talento. Esta marca que nace representará esas propiedades, poñéndoas en valor e visibilizándoas de cara ao exterior.

A finalidade desta Marca é distinguir, visibilizar e consolidar no mercado os produtos e servizos de empresas da Costa da Morte que contribúan ao desenvolvemento rural.