Elaboramos e presentamos o panel de hábitos saudables no traballo das mulleres do mar

Nos últimos meses estivemos traballando, xunto coa Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo Fisterra – Ría de Muros Noia e o GALP Costa Sostible, na elaboración dun panel que recolle boas prácticas para coidar a saúde no ámbito laboral das mulleres do mar. O panel construíuse colectivamente, despois dun proceso formativo da man de profesionais da saúde que formaron ás mulleres en aspectos como o coñecemento corporal e fisiolóxico do corpo, a identificación de patoloxías derivadas da actividade laboral, a prevención de enfermidades asociadas ao xénero e a idade, o benestar emocional e o auto-coidado, ou a adquisición de hábitos saudables. O resultado do proxecto é un panel de saúde, que está visible en distintos puntos de encontro (lonxa, confraría, punto de control…) nos que as profesionais do marisqueo desenvolven o seu traballo.

As mulleres na economía social e solidaria: balance social 2020

Hoxe queremos facernos eco deste artigo publicado na Pikara Magazine, con reflexións dende a perspectiva de xénero sobre o balance social do 2020, elaborado por REAS Red de Redes.

Algunhas cifras que chaman a atención teñen que ver coa alta representación de mulleres que forman parte da economía social como socias ou traballadoras (que supoñen un 64,4% sobre o total de persoas implicadas na ESS). Así mesmo, ocupan posicións de responsabilidade e representación en paridade cos homes (a porcentaxe sitúase sobre o 60%), mais, a pesar destes datos, na economía social aínda se recolle unha fenda salarial arredor do 5%.

Estes datos apuntan a unhas organizacións e condicións laborais máis igualitarias que as que coñecemos na economía tradicional. Aínda así, no balance social 2020 identifícanse algúns retos e desafíos: a sobrecarga de tempos de traballo, a visibilidade das mulleres nas posicións de liderado, o reforzo das competencias, e a necesidade de acadar unha maior inclusión de perfís diversos nas empresas da economía social.

Recomendamos que saquedes un tempo esta fin de semana para ler o artigo!