O Sal do Mar

Este mes rematou o proxecto promovido polo GALP Ría de Arousa chamado «O Sal do Mar: avanzar compartindo«, coas mulleres do mar como protagonistas. Este proxecto de dinamización pretende achegar os fondos do FEMP ao colectivo de mulleres do sector pesqueiro, mediante a realización de xornadas e formacións en base aos seus intereses. Neste ano, realizáronse xornadas relacionadas coa comunicación das profesións do mar; dar a coñecer a profesión do marisqueo a flote e escoitar a voz de mulleres que se desenvolven nesta profesión ocupada maioritariamente por homes; falamos tamén sobre a economía circular e proxectos no territorio que coidan a sostibilidade do medio mariño; e por último puidemos desenvolver unha xornada sobre os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

Arranca Diversiplás: traballando dende a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible

Coordinado pola asociación Íntegro, co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Social Europeo Marítimo e de Pesca e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, nace «#Diversiplás, + diverso – plástico». Este proxecto ten como obxectivo a recuperación e a valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, e terá como protagonistas a diferentes colectivos e entidades da Costa da Morte. A través de Diversiplás darase un novo uso aos residuos plásticos, reutilizando este material para o deseño de pezas, promovendo a inclusión social de persoas con diversidade funcional e sensibilizando ao sector pesqueiro e á sociedade da necesidade de coidar o medio mariño.