Acompañamos ao Centro de Investigacións Mariñas na promoción da igualdade

O 17 de marzo tivo lugar, na Universidade de Vigo, unha xornada organizada pola comisión de igualdade do Centro de Investigacións Mariñas, na que abordar a promoción da igualdade na ciencia. A xornada arrancaba coa poñencia de Capitolina Díaz, catedrática de Socioloxía, especializada en Socioloxía da Educación e Socioloxía do Xénero, que enmarcou a promoción da igualdade na ciencia no programa Horizonte Europa. O discurso centrouse en tres áreas temáticas: a igualdade como imperativo legal e normativa á que se teñen que acoller as universidades, a introdución da perspectiva de xénero nas investigacións; e a promoción dunha cultura institucional sensible ao xénero. Despois, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, compartiu coas persoas asistentes as accións que está desenvolvendo a UVigo na promoción da igualdade.

A segunda parte da xornada consistíu na xeración de grupos de traballo arredor de tres temáticas: traxectoria profesional, maternidades e paternidades, e participación e toma de decisións. Ao final da xornada obtivemos unha folla de ruta compartida para que o Centro de Investigacións Mariñas siga camiñando cara a promoción da igualdade.

Obradoiros de igualdade no IES Cacheiras

Este mes achegámonos ao IES Cacheiras, xunto co CIM de Teo, para poder reflexionar coa rapazada sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero. A través de obradoiros nas aulas, analizamos como pensamos que eran as mulleres e os homes hai un tempo, e como nos percibimos na actualidade, para debater e reflexionar sobre aqueles cambios que percibimos en canto á igualdade entre homes e mulleres. Os temas dos que falamos en grupo xiraron entorno á propia identidade, os estereotipos e os mandatos de xénero, os desexos e perspectivas de vida, a relación entre iguais, o respecto ás distintas orientacións e identidades sexuais, as redes sociais, os e ás súas referentes, e os coidados, entre outros temas que eles e elas propuñan como inquedanzas. Neste sentido, agradecemos aos mozos e ás mozas a súa apertura e confianza á hora de compartir con nós e traballar en grupo aqueles aspectos do seu interese.

O obxectivo destes obradoiros foi o de debater en grupo cuestións que foron cambiando ao longo do tempo e afondando na igualdade, así como identificar aqueles aspectos nos que actualmente percibimos desigualdades, xerando pensamento crítico e ser quen de construírnos como persoas coa maior liberdade, apoiándonos no grupo de iguais como motor de cambio.