E-Cidadania en Google Summer of Code

En agosto finalizou a edición 2012 do Google Summer of Code. Como sabedes, o proxecto e-cidadania, a aplicación de código aberto para a participación cidadá, contou grazas a Google coa colaboración de catro estudantes e tres titores dos seguintes países: India, Macedonia, Francia, España, Brasil e Perú.

Os resultados do traballo foron moi tanxibles e positivos: desenvolvéronse dous módulos novos, o de votacións e o de enquisas; mellorouse o módulo de propostas; incorporáronse test unitarios para o control da calidade e seguridade da ferramenta; duplicouse a velocidade da plataforma e solucionáronse pequenos erros.

Ademais a participación neste programa supuxo un lanzamento de e-cidadania a nivel internacional, cunha acollida maior do esperada: por exemplo, en Macedonia están xa a empregar e-cidadania desde o tecido asociativo.

Chama a atención que os estudantes seguen a colaborar máis alá do remate das bolsas. O mesmo sucede con outras persoas que coñeceron e-cidadania grazas ao programa.

Esperamos poder compartir con vos a aplicación para finais de ano.

Podedes ver unha presentación do proxecto aquí