Entradas

Conclue o proceso de Orzamentos Participativos de Xuventude

A semana pasada presentáronse públicamente os resultados dos orzamentos participativos, un proceso promovido pola Concellería de Xuventude do Concello de Santiago.

A fase de propostas deu paso á de votación, no que as mozas e mozos compostelás priorizaron aquelas actividades máis interesantes, de entre as máis de 100 propostas presentadas en eidos tan variados como  Festivais de música e algo máis; Arte urbano e expresións artísticas; Culturas; Cine; Ciencia, Coñecemento, saberes; emprendemento; Ecoloxía e sostibilidade; Economía circular; Gastronomía saudable; eMocidade; Práctica deportiva; Igualdade, diversidade e educación sexual; Inclusión; Saúde; e Dereitos dos animais.

O proceso de votación, no que participaron máis de 1.000 rapaces e rapazas, deu como resultado a priorización dun ciclo de cine ao aire libre, onde o público escollerá as películas a proxectar; a celebración dun concerto dun grupo ou artista referente da escena musical actual; e un festival de música urbana con artistas emerxentes; así como unha feira para a adopción de animais.

Desenvolveranse, ata completar 100.000€ de orzamento municipal reservado a Orzamentos Participativos, as seguintes propostas máis votadas, que están vencelladas á música (festival de distintos xéneros musicais, apoio a artistas emerxentes, e cultura tradicional galega-foliadas), un programa de voluntariado para o coidado de animais, cursos de primeiros auxilios dirixidos á mocidade e charlas divulgativas relacionadas coa saúde mental.

 

 

 

 

Arrancan os orzamentos participativos da mocidade de Compostela

De cara a 2024, acompañamos ao Departamento de Xuventude do Concello de Santiago no proceso de Orzamentos Participativos. A mocidade compostelá entre 16 e 30 anos que residan, estuden ou traballen en Santiago de Compostela decidirán o destino de 100.000 € para a programación de actividades que se desenvolverán ao longo do ano que vén.

Os orzamentos participativos contarán con dúas fases fundamentais: a presentación de propostas e a votación a través de medios telemáticos. A fase de presentación de propostas combinará a modalidade presencial e en liña, para o que comezamos a achegarnos aos institutos compostelás para informar sobre o inicio do proceso e desenvolver obradoiros de reflexión conxunta e presentación de propostas. As temáticas das propostas xiran arredor do lecer, o medio ambiente, a igualdade, a inclusión, a cultura ou o voluntariado.