Entradas

Cidadania recibe o premio á excelencia empresarial do Concello de Santiago

Onte celebrouse, no Concello de Santiago, a entrega de premios da III Convocatoria á excelencia empresarial, onde o ámbito municipal recoñece as boas prácticas de empresas vinculadas a Santiago de Compostela. Os premios son unha iniciativa que parte da Axenda Urbana 2030 e do CERSIA, propoñendo distintas categorías que axudan, a través do desenvolvemento económico, a construír unha cidade mellor.

Queremos agradecer ao Concello de Santiago este recoñecemento institucional, xa que tras 25 anos de traxectoria cooperativa, fainos moitísima ilusión recibir este galardón. Así mesmo, parabéns a todas as empresas que participaron enviando a súa candidatura aos premios, e ás empresas gañadoras en cada categoría!

Participamos en Consolida+, organizada por EspazoCoop

O pasado venres participamos xunto con Xeitura e Rexenerando nunha xornada na que reflexionamos e compartimos as traxectorias dos nosos proxectos cooperativos.

A xornada, organizada por EspazoCoop, tivo por obxectivo dar a coñecer o programa Consolida+, que consiste na prestación gratuita de asesoramento a cooperativas en funcionamento, para acompañalas no proceso de consolidarse no eido empresarial. A mesa redonda na que participamos estas tres cooperativas con certa traxectoria, permitíu poñer en común a importancia dos acompañamentos, os retos de futuro e a importancia da intercooperación, entre outras cuestións de relevancia.

Dende Cidadania agradecemos a EspazoCoop por contar con nós, Á Morada por acollernos no seu espazo, e a Xeitura e Rexenerando por compartir experiencias, e a Tako Cooperativa por plasmalo todo neste vídeo! https://www.instagram.com/p/DAbuGtlO6vG/

Estreáronse tamén vídeos de cooperativas consolidadas, elaborados por EspazoCoop: Árbore Consumo Consciente, Aventeira e Miraxe!  E por se fóra pouco, 50 pés foi tamén salientada coa boa práctica, compartindo coas persoas asistentes os seus proxectos estrela. Botádelle un ollo a todas estas iniciativas da economía social e solidaria!

Ensinamos o corazón facendo balance social, da man de REAS Galicia

As empresas de Economía Social e Solidaria temos a responsabilidade de ser referentes en transparencia e compromiso social e ambiental. Isto é posible grazas ás boas prácticas que desenvolvemos, que cada ano plasmamos nunha ferramenta común ao abeiro do Balance Social, que avalía a nosa actividade segundo os principios da Economía Solidaria.

Por que participar desta auditoría, ou balance social, proposto por REAS?

  • Permite realizar unha auto-avaliación e traballar para a mellora continua do funcionamento interno
  • Axuda a comunicar mellor os valores á comunidade
  • Visibiliza REAS, a Economía Solidaria e o impacto do Mercado Social
  • Permite que as administracións e a cidadanía nos recoñezan como entidade da ESS

Se queres saber máis, enlazamos este vídeo sobre os inicios do Balance Social:

O prazo máximo da campaña de recollida de datos termina o 31 de xullo. Podes cubrir o cuestionario neste enlace. E difundir o balance social nas redes sociais empregando #auditoriasocial #ESS #ensinaocorazon
 

REAS RdR publica o Balance Social 2023 da Economía Social e Solidaria

REAS Red de redes desenvolve anualmente o Balance Social das empresas de Economía Social e Solidaria do Estado, co obxectivo de avaliar as prácticas empresariais posta en marcha.

A través de 47 preguntas e 53 indicadores, as empresas reflexionan sobre as prácticas que desenvolven, para coñecer o impacto que teñen nas persoas e no planeta. Podes botar un ollo aos resultados na páxina web de REAS.

Xornada de aprendizaxe colectiva: a equidade como proposta de valor das entidades de ESS

A semana pasada achegábamonos á Pobra do Brollón para xuntarnos con compañeiras e compañeiros da Economía Social e Solidaria arredor da xornada “A equidade como proposta de valor das entidades de ESS”, organizada por REAS Galiza.

O encontro tivo como fío condutor a xeración dunha diagnose participativa sobre como aplicamos a equidade como valor dende a Economía Social e Solidaria. As conclusións e aprendizaxes compartidas ao longo da xornada plasmaranse nun recetario que ordenará as fórmulas compartidas, que podemos poñer en práctica na nosa vida e na contorna laboral.

E como tivemos a sorte de contar con Adela Vázquez Veiga, deixámosvos estes fermosos Memogramas que elaborou e que, ademais de recoller as conclusións e contidos da xornada, plasman o ambiente acolledor e de aprendizaxe colectivo.

Grazas a REAS Galiza por organizar este encontro, á Asociación veciñal de Salcedo por acollernos, e ás compañeiras de Outonía S. Coop. galega por achegarse a compartir.

Ciclo de Encontros Emprendedores da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

O Concello de Santiago, a través do CERSIA, desenvolveu o ciclo de Encontros Emprendedores, co obxectivo de difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante a posta en común de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

No verán contamos coa participación de Larlilás, asociación sen ánimo de lucro arredor da vivenda colaborativa na vellez. Este encontro xerou moito interese entre a cidadanía, e permitiunos repensar a vellez, o benestar e os coidados. Contamos ademais coa presenza de Iago Lestegás, Concelleiro de urbanismo, vivenda e cidade histórica, que compartiu algunhas claves sobre a vivenda e a calidade de vida no centro urbán.

Setembro foi o mes no que abordamos a temática Era Dixital, cristalizada en proxectos que empregan os medios telemáticos como unha parte importante o seu desenvolvemento. O Encontro Emprendedor reuniunos no espazo Creativas Galegas, arredor do proxecto El Camino ESS promovido por REAS Galicia. Esta iniciativa tece unha rede de proxectos de economía social e solidaria arredor do turismo alternativo, xerando un impacto positivo para o territorio e as persoas que habitan nel.

Esta semana celebramos o 9º Encontro Emprendedor, arredor do eixo temático Gobernanza. Coop57 Galiza, entidade referente e consolidada no territorio, achegounos ao seu funcionamento interno baixo os piares da participación, da democracia interna e da auto – organización. Ademais, puidemos aprender da súa actividade principal como instrumento financeiro ao servizo de proxectos transformadores no marco da economía social.

Se aínda non participaches, aínda estás a tempo! O último Encontro Emprendedor terá lugar no mes de novembro. Podes obter máis información sobre a Axenda Urbana 2030 na páxina web do Concello de Santiago.

Continúan os Encontros Emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

En maio abordábamos a Economía Circular como oportunidade para o emprendemento, enfocándonos no textil e na moda da man de Off connection. Puidemos intercambiar ideas arredor dun modelo de produción e consumo máis sostibles, con ciclos produtivos máis longos, reaproveitando materiais xa producidos en desuso, e xerando unha menor cantidade de residuos.

Xuño foi o mes no que abordamos a Igualdade de Oportunidades, traendo a Promove: proxectos e persoas como experiencia marco. Neste Encontro Emprendedor establecemos unha conversa arredor do emprendemento das mulleres en Compostela, identificando fortalezas e obstáculos na posta en marcha de iniciativas empresariais, e poñendo en valor a economía social como modelo. Abordáronse tamén os valores destes emprendementos, onde as persoas están no centro, e tamén a confianza mútua, os coidados e as lóxicas colaborativas.

Xa inmersas no verán, a Economía Urbana foi o eixo do 6º Encontro Emprendedor. Neste espazo contamos coa iniciativa de Abastos 2.0, vinculando a importancia da oferta gastronómica co produto local. Da man de Iago Pazos puidemos achegarnos a esta experiencia de cociña de mercado, no mercado, que nos deixou con ganas de seguir saboreando estes Encontros!

O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 22 de agosto, abordando a temática da Vivenda. Podes informarte sobre as iniciativas arredor da Axenda Urbana 2030 premendo aqui!

Encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

O primeiro Encontro Emprendedor xirou arredor do eixo Territorio, Paisaxe e Biodiversidade, onde 7H Cooperativa Cultural puxo en común a súa experiencia xerando a cooperativa dende o seu inicio, e destacando algúns dos proxectos mais relevantes, en clave de intervención sobre a paisaxe en clave comunitaria.

O segundo Encontro Emprendedor formulouse como un debate coas persoas participantes sobre o Modelo de Cidade, contando coas experiencias marco de DeHistoria e Estudio MMASA. O espazo permitiu reflexionar, dende o movemento veciñal e comunitario, xunto coa perspectiva urbanística, como concibimos a cidade no futuro.

No terceiro Encontro Emprendedor abordamos a temática do Cambio Climático e Resiliencia, achegándonos á experiencia de Feitoría Verde como referente na educación ambiental. Puidemos, ademais, poñer en común accións que se deben promover a nivel local para paliar os impactos negativos desta crise global.

 O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 16 de maio, e xirará entorno á Economía Circular. Podes inscribirte neste enlace.

 

 

Organizamos encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela

O Concello de Santiago vén de desenvolver o proceso arredor da Axenda Urbana 2030, co obxectivo de trazar as liñas futuras municipais a través dunha diagnose, identificando os retos principais e debuxando un plan de acción para o territorio. Durante o 2023 acompañaremos ao Concello na difusión da Axenda Urbana 2030 e a súa documentación, en constante revisión.

Unha vez por mes organizamos un Encontro Emprendedor arredor dos eixos temáticos que estruturan a Axenda Urbana. Estes encontros emprendedores teñen o dobre obxectivo de difundir a Axenda Urbana 2030, así como o de poñer en valor aquelas iniciativas empresariais, cooperativas e asociativas no territorio que xa están a desenvolver a súa actividade arredor dos eixos recollidos na Axenda Urbana 2030.

 

Aberto o prazo para os Premios á Cooperación 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de publicar as bases reguladoras dos Premios á Cooperación 2023, podes consultalas neste enlace.

Estes premios outórganse anualmente para fomentar e difundir o cooperativismo e a economía social, afondando nos seus principios e valores. Como cada ano, as cooperativas poden participar en tres categorías:

  • Premio aos valores cooperativos
  • Premio ao mellor proxecto cooperativo novo
  • Premio á traxectoria cooperativa

Desexando coñecer ás cooperativas galardoadas!

Se queres saber máis, infórmate na Rede Eusumo