Entradas

Proxectos inspiradores para a Mariña Ortegal

Ao longo deste trimestre acompañamos ao GALP A Mariña Ortegal na procura de proxectos inspiradores e replicables no seu territorio. Os GALP, entidades sen ánimo de lucro colaboradoras coa Consellería do Mar na xestión do FEMPA, apoian á xeración de proxectos que fortalecen o territorio a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.

Co obxectivo de inspirar ao territorio para a posta en marcha de novas iniciativas e proxectos, achegamos ao territorio distintos proxectos de éxito desenvoltos noutras zonas de Galicia. En Burela compartimos as experiencias arredor do produto pesqueiro de Mariscos de Barallobre, o Percebe da Barca e Merluza D& Burela, no marco da Feira Produart que promove a Fundación Expomar. A xornada en Foz centrouse na promoción do consumo do produto pesqueiro, achegando as experiencias singulares da Asociación Profesional de Turismo da Costa da Morte, do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña e do IES de Foz, centro de referencia en formación gastronónica na Mariña.

En Valdoviño achegamos experiencias promovidas por distintas administracións cara a un turismo sostible, coñecendo a iniciativa do Xeoparque Cabo Ortegal, e MardaPobra, onde as mariscadoras colaboran co Concello para amosar o seu traballo. En Xove abordamos a cultura marítima, coñecendo de cerca a experiencia Eu fun de vivo, recuperando o patrimonio inmaterial de San Andrés de Teixido, e aAntena vinculado á historia dos naufraxios na Costa da Morte.

Hai uns días estivemos en Cariño, onde participaron proxectos que fomentan o coñecemento do sector pesqueiro a través de visitas de pesca turismo e turismo mariñeiro. Dende Sanxenxo compartimos a experiencia de Mariñeiro por un día, referente a nivel nacional en iniciativa de pesca turismo; e dende Redondela contamos con Amarturmar, onde as mariscadoras a pé da enseada de San Simón dan a coñecer o seu oficio artesanal. Nas vindeiras semanas estaremos en Cervo coñecendo novas experiencias inspiradoras!

 

Acompañamos aos GALP galegos na difusión do período FEMPA

A Consellería do Mar publicou recentemente a convocatoria de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

Estas semanas acompañamos ao GALP Ría de Arousa nun Encontro Informativo que reuníu ás confrarías, concellos e asociacións da zona costeira. A xerencia do Grupo compartíu información de relevancia sobre a orde de axudas, e desenvolveuse unha Mesa Redonda con mulleres promotoras de proxectos financiados polo GALP: Cordelería R de Lorenzo, Algas La Patrona e Atando aparellos. Este evento enmarcouse no programa O Sal do Mar.

Ademais, percorremos a Costa Ártabra acompañando ao GALP Golfo Ártabro Norte. “Pescamos ideas” é a campaña de divulgación do programa de axudas do FEMPA, que pretende dinamizar ao sector pesqueiro e ao conxunto das entidades locais na promoción de proxectos. Durante o mes de novembro desenvolveranse, todas as semanas, xornadas locais de divulgación do FEMPA nesta zona costeira.

Acompañamos tamén ao GALP Costa Sostible na difusión do programa de axudas entre a poboación da Ría Muros – Noia, a través do seu programa Horizonte 2027. O GALP Costa Sostible incide particularmente no desenvolvemento sustentable do territorio. A través da visibilización de exemplos de éxito desenvoltos ao abeiro dos fondos FEMP, as persoas promotoras trasladan a súa experiencia a aquelas entidades con interese en emprender co apoio do GALP. Neste caso contouse coa experiencia de economía colaborativa Daqui Darredor, e o proxecto de turismo Mariñeiro por un día.

O prazo de presentación de proxectos finaliza o 26 de outubro. Para máis información, consulta a páxina web dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro.

Acompañamos aos GALP na elaboración das estratexias de desenvolvemento local participativo

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galegos atópanse no proceso de elaboración das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo para o período de programación 2023-2027 do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA).

Durante o verán levaranse a cabo encontros presenciais e virtuais, nos que se perfilará unha diagnose sobre as necesidades de cada un dos territorios costeiros. A segunda fase deste proceso permitirá deseñar un Plan de acción en cada territorio, de forma participada entre o sector pesqueiro, público, social e económico.

As Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo orientarán a aplicación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) para o período de fondos europeos 2021-2027.

Para máis información sobre o proceso en cada territorio:

GALP A Mariña Ortegal

GALP Golfo Ártabro Norte

GALP Golfo Ártabro Sur

GALP Ría de Arousa

GALP Ría de Pontevedra