Entradas

Publicados os resultados da enquisa á comunidade científica do CESGA

Cada ano o Centro de Supercomputación de Galicia avalía os resultados que derivan do uso do seu equipamento, permitindo coñecer o seu impacto na produción científica anual da comunidade usuaria.

Para recabar esta información deseñouse unha enquisa de produción científica que recolle a cantidade de publicacións e artigos publicados, asi como a participación en conferencias e congresos. Ademais, abórdase o impacto do uso dos equipamientos do CESGA nos proxectos presentados. A enquisa acadou unha participación de 727 persoas, un 83,3% do universo ao que nos diriximos. Ademais, púxose en marcha outra enquisa en paralelo, co obxectivo de coñecer a satisfacción coa experiencia da comunidade cientifica no uso dos equipamientos e mellorar os servizos tendo en conta as suxestións recibidas.

Podes consultar o informe sobre produción científica no 2022 na páxina web do CESGA.

Como participa a mocidade en Galicia?

Cal é o estado da participación da mocidade galega na actualidade? Cales son as barreiras e cales son os facilitadores para motivar ás persoas novas a participar? Ten cambiado o modelo de participación tradicional? Como se pode contribuír á promoción dunha cultura participativa con enfoque da Cidadanía Global entre a mocidade galega?

Estas son algunhas das preguntas nas que quere afondar Solidariedade Internacional de Galicia, que promove este estudo vinculado ao proxecto O Globo, sobre o que xa os falamos anteriormente.

Para achegarse ás claves da participación da mocidade galega, empregaranse diferentes fontes de información, como a revisión de bibliografía, a realización desta enquisa entre as persoas novas, e as achegas dun grupo motor. Se tes entre 14 e 30 anos, podes acceder á enquisa neste enlace:  https://cutt.ly/cbvJTiq .

Convidámosvos a difundilo entre a mocidade ao voso arredor! A enquisa estará dispoñible ata o 23 de maio!