Entradas

Formación dirixida ao profesorado no marco do Globo

O Globo: observatorio para educar na cidadanía global consolídase como espazo para a promoción da participación social, despois de 5 anos de percorrido. As escolas e o profesorado son unha peza fundamental deste proxecto para a transformación social.

Neste inicio do 2024, O Globo desenvolve a terceira edición da formación “A educación para a cidadanía global como ferramenta socioeducativa”. Unha formación de 20 horas (homologables pola Consellería de Educación), con metodoloxías participativas e prácticas, e que orientarán ao profesorado a poñer en marcha experiencias de transformación social co seu alumnado.

As profesoras e os profesores con interese en participar na formación, poden atopar máis información aquí, e inscribirse a través deste enlace.

Animámosvos a participar neste espazo formativo onde xerar rede con outros compañeiros e compañeiras, e deixaros acompañar para ofrecer ao voso alumnado unha experiencia de participación para a transformación social da contorna.

Promovendo a educación para a cidadanía global da man do Globo

O Globo, proxecto promovido por Solidariedade Internacional de Galicia, continúa consolidándose como ferramenta para a promoción da cidadanía global entre a mocidade e o tecido asociativo galego. Xa son máis de 70 as microexperiencias de transformación social que forman parte deste Observatorio de participación, que mostra as iniciativas transformadoras do alumnado de centros educativos, entidades sociais, cooperativas e sociedade organizada para a mellora da súa contorna.

A promoción da igualdade de xénero, o coidado medioambiental, a saúde mental, ou o consumo responsable son algunhas das temáticas destacadas entre as microexperiencias de transformación social, que podes ver aquí.

O Globo tamén é unha Escola de participación, que desenvolve formacións arredor da cidadanía global, a participación, os liderados transformadores, e o intercambio de experiencias con referentes do Sur Global. Se formas parte do profesorado, podes inscribirte na formación programada para o 2024 sobre Educación para a cidadanía global como ferramenta socio-educativa, onde poñer en práctica co alumnado a metodoloxía luces – cámara e acción e promover a transformación social da súa contorna. Para mais información preme aquí.

O Sal do Mar: obradoiro de comunicación e liderado das mulleres do mar

O Sal do Mar é un programa promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Ría de Arousa. O Sal do Mar ten como obxectivo dar a coñecer o programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través de obradoiros de formación e información arredor dos intereses das mulleres do mar. Neste obradoiro, a xerente do GALP compartiu coas asistentes as novidades do FEMPA e a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo.

Habilidades dixitais, saúde sexual e reprodutiva, economía circular, benestar psicolóxico ou dereitos laborais e asociacionismo foron algunhas das temáticas abordadas en anteriores edicións. A semana pasada celebramos un obradoiro arredor das habilidades para falar en público e os liderados transformadores e colectivos, no que bateeiras e mariscadoras puxeron en práctica pautas e estratexias para reforzar estas capacidades.

Se ben é certo que as mulleres nas profesións do mar son hoxe en día máis visibles e contan con maior recoñecemento social, todavía son unha minoría nos postos de representación das entidades das que forman parte.

O Sal do Mar

Este mes rematou o proxecto promovido polo GALP Ría de Arousa chamado “O Sal do Mar: avanzar compartindo“, coas mulleres do mar como protagonistas. Este proxecto de dinamización pretende achegar os fondos do FEMP ao colectivo de mulleres do sector pesqueiro, mediante a realización de xornadas e formacións en base aos seus intereses. Neste ano, realizáronse xornadas relacionadas coa comunicación das profesións do mar; dar a coñecer a profesión do marisqueo a flote e escoitar a voz de mulleres que se desenvolven nesta profesión ocupada maioritariamente por homes; falamos tamén sobre a economía circular e proxectos no territorio que coidan a sostibilidade do medio mariño; e por último puidemos desenvolver unha xornada sobre os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

Esta semana celebramos o Encontro de conclusións do proxecto de igualdade no mar, promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa

A xornada contou coa benvida institucional da presidenta do GALP e patroa maior de Vilanova de Arousa, así como coa Concelleira de Igualdade do Concello de Boiro, e a intervención de Rosa Quintana, Conselleira do Mar. As conclusións e aprendizaxes ao longo destes meses foron compartidas polas propias mulleres participantes no proxecto, que tomaron a palabra no auditorio de Cabo de Cruz e foron as protagonistas do encontro. Falaron en público, proxectaron as vídeo – entrevistas previamente gravadas por elas mesmas, e fixeron preguntas e compartiron reflexións dende o público.   

O proxecto, que desenvolvemos dende Cidadanía como asistencia técnica, consistiu en tres partes: formativa (ferramentas para organizar e dinamizar reunións e xuntanzas en liña; liderado e estratexias para falar en público), informativa (organizamos xuntanzas con persoas expertas na saúde laboral das mulleres do mar, e en dereitos das profesionais do mar); e o propio encontro de conclusións, no que o obxectivo principal era que as mulleres tomasen a palabra e continúen gañando visibilidade.