Entradas

Ciclo de Encontros Emprendedores da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

O Concello de Santiago, a través do CERSIA, desenvolveu o ciclo de Encontros Emprendedores, co obxectivo de difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante a posta en común de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

No verán contamos coa participación de Larlilás, asociación sen ánimo de lucro arredor da vivenda colaborativa na vellez. Este encontro xerou moito interese entre a cidadanía, e permitiunos repensar a vellez, o benestar e os coidados. Contamos ademais coa presenza de Iago Lestegás, Concelleiro de urbanismo, vivenda e cidade histórica, que compartiu algunhas claves sobre a vivenda e a calidade de vida no centro urbán.

Setembro foi o mes no que abordamos a temática Era Dixital, cristalizada en proxectos que empregan os medios telemáticos como unha parte importante o seu desenvolvemento. O Encontro Emprendedor reuniunos no espazo Creativas Galegas, arredor do proxecto El Camino ESS promovido por REAS Galicia. Esta iniciativa tece unha rede de proxectos de economía social e solidaria arredor do turismo alternativo, xerando un impacto positivo para o territorio e as persoas que habitan nel.

Esta semana celebramos o 9º Encontro Emprendedor, arredor do eixo temático Gobernanza. Coop57 Galiza, entidade referente e consolidada no territorio, achegounos ao seu funcionamento interno baixo os piares da participación, da democracia interna e da auto – organización. Ademais, puidemos aprender da súa actividade principal como instrumento financeiro ao servizo de proxectos transformadores no marco da economía social.

Se aínda non participaches, aínda estás a tempo! O último Encontro Emprendedor terá lugar no mes de novembro. Podes obter máis información sobre a Axenda Urbana 2030 na páxina web do Concello de Santiago.

Participamos nas Xornadas Internacionais de participación, investigación – acción e desenvolvemento comunitario

A Universidade do País Vasco e o grupo de investigación Parte Hartuz organiza, entre o 26 e 28 de abril, as Xornadas Internacionais de participación, investigación – acción e desenvolvemento comunitario, unha cita á que non queríamos falta dende Cidadanía.

A participación de poñencias referentes e os espazos de reflexión axudarán a identificar os retos actuais que presentan a participación social. O programa aborda temáticas como a innovación democrática, as aprendizaxes dende diversas experiencias de participación, a acción comunitaria e o arraigo territorial, ou a gobernanza.

Participar de xornadas inspiradoras impúlsanos a mellorar os procesos que acompañamos, ademáis de tecer redes máis alá do territorio.

 

Seguimos tirando do fío? As entidades sociais e o sector pesqueiro como impulsores da economía circular

O pasado venres tivo lugar un novo encontro no marco do proxector VEN VER, que reuníu a distintas entidades de inclusión social e os Grupos de Acción Local do sector pesqueiro galegos, en Outes. A xuntanza desenvolveuse co obxectivo de retomar o contacto entre territorios, unha vez rematados os proxectos xurdidos a raíz do proxecto de cooperación Tanza: economía circular a través de proxectos de entidades de inclusión social e o sector pesqueiro. No encontro, as entidades promotoras de proxectos, así como outras entidades con interese nas iniciativas desenvoltas, puideron intercambiar experiencias de economía circular, identificar necesidades xurdidas no desenvolvemento dos proxectos, e identificar lóxicas cooperativas a poñer en marcha entre entidades.

 

 

O encontro, promovido polo GALP Costa Sostible, puxo en valor a Aula Sostible do Freixo cunha visita á instalación. As persoas implicadas nesta iniciativa fixeron unha demostración da actividade que desenvolven a diario, recuperando e transformando plásticos recollidos nos areais da zona, e mediante a colaboración estreita das confrarías.

O plástico recollido é transformado en obxectos útiles para o sector pesqueiro, como agullas para as redeiras, ou mosquetóns e medidores de talla mínima para as persoas que se dedican ao marisqueo, pechando así o ciclo de economía circular. Por último, o encontro rematou cunha visita ao Estaleiro Ciprian, recuperado co apoio do programa de axudas do GALP para poñer en valor a carpintería de ribeira.

 

Acompañamos ás mariscadoras da Costa Sostible no inicio do proxecto Ven Ver

VEN VER deu comezo coa visita das mariscadoras da Costa Sostible a Cambados. Este proxecto promove o intercambio de experiencias entre a xento do mar, realizando ou recibindo visitas de iniciativas promovidas noutros territorios, co obxectivo de analizar fórmulas de traballo interesantes que están a dar os seus froitos e que se poden transferir entre territorios.
Nesta primeira xornada, un grupo de mariscadoras do territorio do GALP Costa Sostible desprazouse ata a provincia de Pontevedra para coñecer GUIMATUR, unha entidade creada polas mariscadoras e redeiras de Cambados para mostrar o seu modo de vida e o patrimonio cultural arredor da súa actividade profesional.
A presidenta de Guimatur, explicou de forma exhaustiva o proceso de constitución da asociación e os pasos que seguiron para poñer en marcha unha organización de visitas guiadas de turismo mariñeiro.