Entradas

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra – Morrazo aproba a súa estratexia 2023 – 2027 para o período LEADER

O GDR Pontevedra – Morrazo aprobou en Asemblea Xeral a nova estratexía 2023 – 2027 para o período LEADER. Este proceso desenvolveuse de xeito participativo, resultando nun documento que se estrutura nun plan de acción, de formación, de cooperación e de dinamización territorial.

O programa de axudas céntrase no apoio aos sectores agrario e forestal, tendendo á diversificación, á dixitalización, á transición ecolóxica e á sostibilidade. Así mesmo, trátase de fomentar proxectos que melloren a calidade de vida e benestar social da poboación do rural, priorizando investimentos dirixidos á prestación de servizos que creen emprego e reduzan o risco de pobreza. O plan de acción vincúlase coa Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, orientada a novos aproveitamentos do territorio, así como co Bono Activa Rural.

Podes informarte máis polo miúdo na páxina web do GDR Pontevedra – Morrazo.

A Indicación Xeográfica Protexida continúa impulsando os viños e o enoturismo en Galicia

Este proxecto de cooperación promovido polos GDRs galegos, continúa o seu desenvolvemento apoiando e promovendo a calidade e identidade dos viños galegos. Neste momento estanse a celebrar as actividades de dinamización denominadas túneles do viño, onde se establece un espazo de conversa entre as institucións, as adegas e os GDRs, que impulsan conxuntamente, a través das súas actividades, a recuperación de vides e castes autóctonas e preservan a paisaxe, contribuíndo á promoción e posta en valor dos produtos, e promovendo un consumo responsable e saudable.

Nesta ocasión o anfitrión foi a IXP Val do Miño – Ourense, que celebrou unha xornada na que se abordaron a calidade dos produtos, a posta en valor do patrimonio e a recuperación de terras de cultivo. Para finalizar a xornada, celebrouse unha cata de viños.

O impulso dos viños e o enoturismo a través das IXP de Galicia

Grupos de Desenvolvemento Rural cooperan no proxecto «Dinamización e promoción das IXP de Viños de Galicia» para favorecer a comunicación e cooperación entre adegueiros, poñendo en valor a calidade dos seus viños, así como os recursos patrimoniais, paisaxísticos e gastronómicos das súas comarcas para situalas como destinos enoturísticos privilexiados, contribuíndo ao desenvolvemento da economía local e o medio rural.

Entre as actividades previstas está a realización de xornadas de animación e difusión do proxecto no territorio de cada unha das IXP, que irán seguidas da celebración dos Túneles do Viño, espazos de mostra e promoción de todas as marcas de viño das adegas colaboradoras amparadas baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida. Os túneles serán tamén espazos de degustación nos que apreciar as características diferenciais dos caldos a través de catas que se desenvolveran ao longo de todo o día, poñendo o foco nos produtos do territorio no que se celebren.