A Secretaría Xeral da Igualdade celebra unha xornada técnica dirixida aos Centros de Información á Muller
O mércores 25 de outubro desenvolveuse unha xornada na Cidade da Cultura dirixida ás profesionais dos Centros de información ás mulleres (CIM), ao persoal técnico de servizos sociais e responsables políticos dos concellos galegos. Sandra Vázquez Domínguez, Secretaria Xeral da Igualdade, deu a benvida á xornada e presentou os obxectivos do encontro.
Dúas técnicas do grupo de traballo que colaboraron no deseño da caixa de ferramentas, presentaron os contidos das guías, elaboradas para apoiar á actividade das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. A caixa de ferramentas inclúe materiais para a elaboración de protocolos de actuación, a organización de xornadas co tecido asociativo local, a divulgación de información arredor das mesas locais de coordinación á veciñanza, e unha proposta de metodoloxía para o traballo das mesas.
Na segunda parte da xornada desenvolveuse una Mesa Redonda moderada por Patricia Fernández López, Subdirectora Xeral para o tratamento da violencia de xénero, onde se presentaron diversos servizos e programas para a detección e abordaxe dos casos de violencia contra as mulleres. Na Mesa Redonda participaron representantes dos seguintes recursos:
- Quenda de garda psicolóxica para mulleres e menores en situación de violencia de xénero (Colexio Oficial de Psicoloxía)
- Atención psicolóxica e proceso de denuncia (Centro de Recuperación Integral)
- A atención primaria na prevención da violencia de xénero (SERGAS)
- A atención ás mulleres vítimas da trata e da explotación sexual (Rede Galega contra a Trata)
A xornada finalizou cun espazo de encontro entre profesionais, no que as 100 persoas asistentes compartiron información e intercambiaron experiencias.