Entradas

A Aula Sostible do Freixo gaña o 2º premio á innovación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Os premios de Excelencia á innovación para as mulleres rurais convócanse polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dende o ano 2010, co obxectivo de dar visibilidade á labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as súas actuacións emprendedoras nos seus territorios.

A Aula Sostible do Freixo conseguiu o 2º Premio na categoría da Excelencia á innovación na actividade pesqueira, onde se coopera entre varias entidades para transformar residuos plásticos procedentes da actividade pesqueira (e outros plásticos do ámbito doméstico) en ferramentas pesqueiras revalorizadas, constituíndo unha práctica de economía circular. Podes ler máis sobre o proxecto neste artigo.

A  Aula Sostible do Freixo tamén conta co recoñecemento da Consellería do Mar nos Premios de Economía Azul, na categoría Economía Circular. Moitos parabéns a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro de Muros – Noia e ao Concello de Outes como promotores do proxecto, e ás entidades de inclusión social participantes (ADISBISMUR, A Creba e Asociación Misela), ao GALP Costa Sostible, e a todas aquelas persoas e entidades que senten este proxecto como seu: por moitos máis éxitos!

 

Presentado o estudo “Diagnose sociolaboral das redeiras de Galicia”

A semana pasada achegámonos á Lonxa de Malpica de Bergantiños para compartir as principais conclusións e resultados acadados no Diagnóstico sociolaboral das redeiras de Galicia, unha investigación desenvolta no 2022 e promovida polo Peirao, Federación galega de redeiras artesás.

Os obxectivos desta diagnose centráronse na delimitación do colectivo, que conta con 375 profesionais en Galicia, sendo o 91% mulleres. Ademáis, 3 de cada 4 redeiras no Estado son galegas, o que dá conta do liderado das redeiras galegas nos avances sociolaborais do colectivo. Así mesmo, desenvolveuse unha enquisa que contou cunha ampla participación, o que permitiu acadar unha imaxe realista das condicións sociolaborais do colectivo. Por último, realizamos grupos de análise e proposta para reflexionar sobre o futuro desta profesión, nos que participaron arredor de 100 redeiras.

A xornada de presentación continuou coa visita á exposición “Redeiras, unha profesión con historia”. Pode consultarse o documento aquí.

Acompañamos ás mariscadoras da Costa Sostible no inicio do proxecto Ven Ver

VEN VER deu comezo coa visita das mariscadoras da Costa Sostible a Cambados. Este proxecto promove o intercambio de experiencias entre a xento do mar, realizando ou recibindo visitas de iniciativas promovidas noutros territorios, co obxectivo de analizar fórmulas de traballo interesantes que están a dar os seus froitos e que se poden transferir entre territorios.
Nesta primeira xornada, un grupo de mariscadoras do territorio do GALP Costa Sostible desprazouse ata a provincia de Pontevedra para coñecer GUIMATUR, unha entidade creada polas mariscadoras e redeiras de Cambados para mostrar o seu modo de vida e o patrimonio cultural arredor da súa actividade profesional.
A presidenta de Guimatur, explicou de forma exhaustiva o proceso de constitución da asociación e os pasos que seguiron para poñer en marcha unha organización de visitas guiadas de turismo mariñeiro.