Entradas

Pesca Saúde continúa percorrendo Galicia a través dos batchcooking

A iniciativa de cooperación Pesca Saúde desenvólvese dende o ano pasado co obxectivo de visibilizar as propiedades saudables da dieta e dos hábitos alimentarios relacionados cos produtos do mar. Despois da colaboración cos Centros de Saúde, coas peixerías e as prazas de abastos, e locais de hostelería, achegámonos ás veciñas e veciños para aprender xuntas novas elaboracións e receitas.

Nesta recta final do 2027 desenvolvéronse encontros nos que preparamos entre todas, da man de profesionais da cociña e da nutrición, receitas para toda a semana. Estas receitas están baseadas nos produtos locais de cada zona, para que unha vez feito o obradoiro poidamos replicar estas receitas na casa. Producto local, de calidade, económico e con receitas sinxelas para toda a semana: isto son os batchcooking de Pesca Saúde!

Aínda quedan territorios por visitar, así que se queres inscribirte consulta a páxina web pescasaúde.gal para participar.

Pesca Saúde continúa a través de obradoiros de cociña semanal

Pesca Saúde, promovida polos GALP galegos baixo a coordinación do GALP Costa Sostible, achega unha nova proposta que vincula o consumo de produto do mar e a alimentación saudable. Trátase de obradoiros liderados por profesionais da cociña e da hostelería que, xunto ás persoas asistentes preparan elaboracións de pratos con alimentos locais e de tempada. Os eventos acompáñanse de profesionais da nutrición, que elaboran menús semanais equilibrados e saudables.

Para máis información preme en pescasaude.gal , onde tamén atoparás un receitario con elaboracións de tempada

Cociña de produto pesqueiro nos mercados de abastos!

Pesca Saúde, o proxecto de cooperación dos GALP galegos coordinado polo GALP Costa Sostible levou a súa actividade aos mercados de abastos das zonas de costa.

Ao longo deste mes de xullo, profesionais da cociña especializados en peixe e marisco achegaron á veciñanza de Viveiro, Carballo, Sada, A Guarda, Bueu, Vilagarcía e Noia receitas saudables. As persoas que se achegaron aos Showcooking aprenderon a elaborar novas receitas, sinxelas de preparar na casa e con produtos pesqueiros asequibles. O noso mar faiche ben!

Ostras do Ártabro conclúe cunha xornada de degustación

As confrarías de Pontedeume e Barallobre (Fene) colaboraron nesta iniciativa conxunta cuxo obxectivo foi o de poñer en valor a ostra rizada como producto local de calidade. A ostra rizada, unha especie considerada invasora ata hai ben pouco por desprazar outros recursos da zona, amosou as súas posibilidades de transformación e elaboración para o consumo.

Da man de profesionais da restauración con visión local (Muelle 43 Mugardos) e da transformación en conserva (A Castrexa), o sector pesqueiro explorou as posibilidades de converter este recurso do mar nun produto gastronómico con identidade propia.

O vindeiro martes 14 de xullo celébrase a xornada final de degustación deste produto, en Fene. Podes inscribirte mediante o seguinte enlace i.gal/ostras . Agardámoste!

Pesca saúde inicia a campaña nos centros de saúde!

Pesca Saúde entra nunha nova fase: arrancou a campaña de difusión nos centros de saúde galegos. Ao longo destes meses a actividade de Pesca Saúde trasládase ás rúas para difundir os beneficios dos bos hábitos saudables e o consumo de peixe e mariscos procedentes da pesca costeira artesanal.

Ao longo destes meses estaremos nos concellos de costa co posto de Pesca Saúde. E iso que significa?

  • Podes informarte da campaña
  • Levarte o receitario con propostas con peixe e marisco para replicar na túa casa
  • Probar pinchos de degustación elaborados por hostaleiras e hostaleiros locais
  • Conseguir bonos desconto para consumir nas prazas de abastos e peixerías locais

Ademais, comezan as xornadas técnicas nos territorios, onde profesionais da saúde compartirán coa cidadania saberes relacionados cos produtos do mar e a saúde. Comezamos en Moaña este venres!

Pesca Saúde nas prazas de abastos

Ao longo deste mes Pesca Saúde visita ás praceiras e praceiros para dar a coñecer o proxecto nos mercados. Pesca Saúde desenvólvese para promover o consumo de productos pesqueiros en fresco, salientando os seus valores nutricionais e a importancia de incorporar na nosa dieta hábitos de alimentación equilibrados.

Aliámonos coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027 da Consellería de Sanidade para fortalecer esta iniciativa, que comprenderá descontos en compras nas prazas de abastos e demostracións de cociña en vivo. O obxectivo é fortalecer o consumo de peixe en receitas que sexan accesibles e sinxelas de elaborar entre as poboacións locais galegas.

Pesca Saúde: o noso mar faiche ben

Pesca Saúde é un proxecto de cooperación promovido por sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, coordinado polo territorio Costa Sostible – Ría Muros Noia.

O proxecto ten por obxectivo poñer o foco na alimentación equilibrada, vinculando o benestar da poboación co consumo de produtos pesqueiros frescos. Aprenderemos como inflúe na nosa saúde incorporar hábitos saudables, neste caso a través da cociña e do produto local.

Ao longo de Pesca Saúde colaboraremos co persoal sociosanitario galego, coas peixeiras e os mercados de abastos, e co ámbito da restauración para xerar unha linguaxe común e unha mensaxe que reforce hábitos alimentarios de calidade.

Inaugúrase a exposición Elas Deciden: Corpo, territorio e paz

A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz coordina o proxecto Elas Deciden: promover a equidade de xénero facilitando espazos de reflexión crítica e aprendizaxes significativas para imaxinar e construír colectivamente alternativas de xustiza social. Nesta edición, Elas Deciden xirou arredor dos conceptos corpo, territorio e paz.

Ao longo do Elas Deciden desenvolvéronse espazos de encontro entre mulleres do norte e do sur global, poñendo o foco na importancia das mulleres implicadas na pesca costeira artesanal. Mariscadoras e curileras, pescadoras, xunto con tejedoras e redeiras, reflexionaron sobre os seus oficios e os vínculos cos conceptos corpo, territorio e paz: a importancia da sostibilidade ambiental, o coidado dos recursos, o corpo como ferramenta, o traballo en colectivo, as redes de apoio e a defensa do territorio son algunhas das reflexións que se recollen nesta exposición colectiva, que tece vínculos a través dun océano. En Galicia participaron mariscadoras de Vilanova de Arousa, vinculadas á Asociación Mulleres Salgadas; e redeiras de Portosín, da Asociación de redeiras do cerco.

Onte foi a inauguración da exposición fotográfica e sonora, onde podemos achegarnos á realidade das mulleres do mar do Salvador e de Galicia. A exposición pode visitarse no Museo do Pobo Galego ata finais de xullo: non vola perdades!

 

Preséntase o mapa das mulleres da pesca da provincia da Coruña

A pasada fin de semana a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA) presentou o mapa das mulleres da pesca na provincia da Coruña, un proxecto financiado pola Deputación da Coruña co obxectivo de dimensionar aos distintos colectivos profseionais e poñer en valor a contribución das mulleres á cadea de valor na pesca.

A xornada comezaba coa benvida de Elma Saiz, Ministra de inclusión, Seguridad Social y migraciones, e de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña. Rita Miguez de la Iglesia, presidenta de ANMUPESCA, destacou a necesidade de apoiar ao sector pesqueiro, e en especial ás profesionais do marisqueo a pé, debido á situación de cese de actividade dende o último trimestre de 2023.

A elaboración do mapa requiriu labores de investigación e traballo de campo. Poden consultarse os datos da presenza das mulleres da pesca, da transformación de produto pesqueiro e da súa comercialización a través das capas seleccionables do mapa, así como as fotografías tomadas durante o traballo de campo e cedidas polas profesionais e as confrarías de pescadores. Ademais, pode consultarse a presenza no territorio das redeiras e o asociacionismo das mulleres do mar, dada a súa especial relevancia na provincia da Coruña.


Conclusións
A información analizada abarca a máis de 6.000 mulleres na cadea de valor da pesca, cun predominio importante da industria conserveira, que ocupa a máis de 3.200 traballadoras. Xunto ao marisqueo a pé (809 mulleres) e o comercio maiorista de produtos pesqueiro (623 mulleres), son as actividades profesionais con maior presenza das mulleres.

Así mesmo, cabe sinalar a segregación ocupacional por sexo nalgúns sectores profesionais: aqueles feminizados (as redeiras é un colectivo formado por 94,5% de mulleres), mentres que na pesca, o marisqueo a flote e a captura do percebe a presenza das mulleres non supera o 20%.

Elas deciden: Corpo, territorio e paz

Asamblea de Cooperación pola Paz Galicia é unha ONGD sen ánimo de lucro, laica e independente, que desenvolve proxectos arredor da cooperación ao desenvolvemento, a acción humanitaria, a intervención social e a economía social e solidaria. Na súa estratexia global sitúase o apoderamento das mulleres do Sur e Norte global.

Dende o 2019, ACPP desenvolve o proxecto “Elas Deciden: promover a equidade de xénero facilitando espazos de reflexión crítica e aprendizaxes significativas para imaxinar e construír colectivamente alternativas de xustiza social.” En edicións anteriores Elas Deciden xirou arredor dos dereitos reprodutivos e o artivismo feminista, para dar un salto cualitativo neste 2024. Elas Deciden constrúese entorno aos conceptos de Corpo, Territorio e Paz.

Durante o proxecto haberá espazos de intercambio de experiencias e coñecementos, promoción de aprendizaxes mutuas e unión de forzas cara a obxectivos comúns das mulleres da pesca. Dende Cidadania, ademais, encargarémonos da elaboración dunha exposición fotográfica de mulleres do mar, que complemente á exposición das mulleres da pesca artesanal do Salvador.