Entradas

Ensinamos o corazón facendo balance social, da man de REAS Galicia

As empresas de Economía Social e Solidaria temos a responsabilidade de ser referentes en transparencia e compromiso social e ambiental. Isto é posible grazas ás boas prácticas que desenvolvemos, que cada ano plasmamos nunha ferramenta común ao abeiro do Balance Social, que avalía a nosa actividade segundo os principios da Economía Solidaria.

Por que participar desta auditoría, ou balance social, proposto por REAS?

  • Permite realizar unha auto-avaliación e traballar para a mellora continua do funcionamento interno
  • Axuda a comunicar mellor os valores á comunidade
  • Visibiliza REAS, a Economía Solidaria e o impacto do Mercado Social
  • Permite que as administracións e a cidadanía nos recoñezan como entidade da ESS

Se queres saber máis, enlazamos este vídeo sobre os inicios do Balance Social:

O prazo máximo da campaña de recollida de datos termina o 31 de xullo. Podes cubrir o cuestionario neste enlace. E difundir o balance social nas redes sociais empregando #auditoriasocial #ESS #ensinaocorazon
 

Xornada de aprendizaxe colectiva: a equidade como proposta de valor das entidades de ESS

A semana pasada achegábamonos á Pobra do Brollón para xuntarnos con compañeiras e compañeiros da Economía Social e Solidaria arredor da xornada “A equidade como proposta de valor das entidades de ESS”, organizada por REAS Galiza.

O encontro tivo como fío condutor a xeración dunha diagnose participativa sobre como aplicamos a equidade como valor dende a Economía Social e Solidaria. As conclusións e aprendizaxes compartidas ao longo da xornada plasmaranse nun recetario que ordenará as fórmulas compartidas, que podemos poñer en práctica na nosa vida e na contorna laboral.

E como tivemos a sorte de contar con Adela Vázquez Veiga, deixámosvos estes fermosos Memogramas que elaborou e que, ademais de recoller as conclusións e contidos da xornada, plasman o ambiente acolledor e de aprendizaxe colectivo.

Grazas a REAS Galiza por organizar este encontro, á Asociación veciñal de Salcedo por acollernos, e ás compañeiras de Outonía S. Coop. galega por achegarse a compartir.