Queredes continuar a vosa formación en cooperativismo?

Para estrear o 2020 con novas ideas, facémonos eco destas propostas formativas que comezan en febreiro, e que tratan sobre diversos temas de interese no mundo das cooperativas: xestión de proxectos, réxime económico fiscal das cooperativas, ou liderado e dirección de organizacións, entre outros, organizados pola Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (Coceta).

Ademais, EspazoCoop organiza novamente varios cursos de formación presenciais e en liña de iniciación ás cooperativas de traballo, responsabilidade social e empresarial, e desenvolvemento de asembleas e reunións.

Para inscribirte, preme nos enlaces de Coceta e EspazoCoop. De seguro lle sacaredes proveito ás novas aprendizaxes nos vosos espazos de traballo!

Acompañamento ás Mesas Locais de coordinación inter-institucional contra a violencia de xénero

Ao longo destes últimos meses estivemos traballando, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, na activación e posta en marcha das Mesas Locais de Coordinación Inter-institucional contra a violencia de xénero en diferentes concellos galegos.

Este proxecto ten como obxectivo facilitar o traballo grupal e reforzar a participación dos e das axentes implicados nas Mesas Locais, así como mellorar a eficiencia do espazo (establecemento de obxectivos, toma de decisións, dinamización das reunións, etc).

As Mesas Locais pretenden fortalecer a resposta institucional contra a violencia de xénero, ofrecendo unha atención integral e coordinada ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia machista. Entre os obxectivos xerais das Mesas sitúanse a detección de casos, a mellora na coordinación entre axentes implicados na loita contra a violencia de xénero para abordala de xeito integral, a formación entre profesionais e a sensibilización en igualdade de cara á sociedade.