Acompañamos ás entidades locais no reforzo da coordinación contra as violencias machistas

Ao longo do 2023 continuaremos traballando con distintos concellos galegos na posta en marcha das Mesas de coordinación inter – institucional contra a violencia de xénero. Ademais, reforzaremos as dinámicas de Mesas xa constituídas que precisen dun impulso para mellorar o seu funcionamento, definindo estratexias para salvar obstáculos aos que se enfrontan estes espazos e detectando posibles necesidades dos ámbitos participantes.

Esta formación, ofertada por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, pretende apoiar aos Concellos galegos na coordinación e atención ás mulleres en situación de violencia, xerando un espazo no que os Centros de Información ás mulleres (CIM) e servizos sociais, centros de saúde, forzas e corpos de seguridade do Estado, persoal político e o ámbito xudicial poidan compartir información para mellorar a atención ás mulleres en situación de violencia machista.

Xa podes consultar o mapa estatal de redes e grupos de participación cidadá

A Rede de innovación en procesos de participación (RIEPP) comparte o mapa de entidades e colectivos implicados na promoción da democracia participativa ao longo do Estado. O mapa sinala aquelas entidades de carácter social (sinaladas en morado), profesional (en verde), académico (azul) e Administración pública (laranxa). Se es unha entidade que pon en marcha procesos de participación social, animámoste a unirte á Rede, escribindo a redinnovacionparticipativa@gmail.com.

Ademáis, queremos poñer en valor as conclusións recollidas neste documento, sobre as Xornadas desenvoltas no mes de febreiro en Valencia, baixo o nome «Cara a democracia participativa: avaliar, comunicar, lexislar».

Encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

O primeiro Encontro Emprendedor xirou arredor do eixo Territorio, Paisaxe e Biodiversidade, onde 7H Cooperativa Cultural puxo en común a súa experiencia xerando a cooperativa dende o seu inicio, e destacando algúns dos proxectos mais relevantes, en clave de intervención sobre a paisaxe en clave comunitaria.

O segundo Encontro Emprendedor formulouse como un debate coas persoas participantes sobre o Modelo de Cidade, contando coas experiencias marco de DeHistoria e Estudio MMASA. O espazo permitiu reflexionar, dende o movemento veciñal e comunitario, xunto coa perspectiva urbanística, como concibimos a cidade no futuro.

No terceiro Encontro Emprendedor abordamos a temática do Cambio Climático e Resiliencia, achegándonos á experiencia de Feitoría Verde como referente na educación ambiental. Puidemos, ademais, poñer en común accións que se deben promover a nivel local para paliar os impactos negativos desta crise global.

 O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 16 de maio, e xirará entorno á Economía Circular. Podes inscribirte neste enlace.