Publicados os resultados da enquisa á comunidade científica do CESGA

Cada ano o Centro de Supercomputación de Galicia avalía os resultados que derivan do uso do seu equipamento, permitindo coñecer o seu impacto na produción científica anual da comunidade usuaria.

Para recabar esta información deseñouse unha enquisa de produción científica que recolle a cantidade de publicacións e artigos publicados, asi como a participación en conferencias e congresos. Ademais, abórdase o impacto do uso dos equipamientos do CESGA nos proxectos presentados. A enquisa acadou unha participación de 727 persoas, un 83,3% do universo ao que nos diriximos. Ademais, púxose en marcha outra enquisa en paralelo, co obxectivo de coñecer a satisfacción coa experiencia da comunidade cientifica no uso dos equipamientos e mellorar os servizos tendo en conta as suxestións recibidas.

Podes consultar o informe sobre produción científica no 2022 na páxina web do CESGA.

O globo celebra o V Encontro anual

Esta semana celebramos o día grande do Globo: un encontro entre alumnado, entidades sociais, grupos autoxestionados e persoas a prol da transformación social, que promoven iniciativas inspiradoras nos seus territorios.

O Globo ten recollidas máis de 70 microexperiencias de transformación social, que constituen un observatorio da participación social. Dende o ano 2019, estas iniciativas nacen das inquedanzas do alumnado e da poboación, que se organizan para poñer en marcha accións que inciden na mellora da sua contorna.

O encontro é un día de celebración pero tamén de aprendizaxe, onde combinamos a arte, o humor, a reflexión e a exposición das microexperiencias de transformación social a través dunha feira na que as persoas promotoras son as protagonistas.


Podes coñecer máis sobre O Globo visitando a páxina web e as RRSS! Plasmamos, ademáis, este resumo gráfico do acontecido ao longo do V Encontro e elaborado pola artista Idoia de Luxán.

Presentado o estudo “Diagnose sociolaboral das redeiras de Galicia”

A semana pasada achegámonos á Lonxa de Malpica de Bergantiños para compartir as principais conclusións e resultados acadados no Diagnóstico sociolaboral das redeiras de Galicia, unha investigación desenvolta no 2022 e promovida polo Peirao, Federación galega de redeiras artesás.

Os obxectivos desta diagnose centráronse na delimitación do colectivo, que conta con 375 profesionais en Galicia, sendo o 91% mulleres. Ademáis, 3 de cada 4 redeiras no Estado son galegas, o que dá conta do liderado das redeiras galegas nos avances sociolaborais do colectivo. Así mesmo, desenvolveuse unha enquisa que contou cunha ampla participación, o que permitiu acadar unha imaxe realista das condicións sociolaborais do colectivo. Por último, realizamos grupos de análise e proposta para reflexionar sobre o futuro desta profesión, nos que participaron arredor de 100 redeiras.

A xornada de presentación continuou coa visita á exposición “Redeiras, unha profesión con historia”. Pode consultarse o documento aquí.

Tanza recibe o recoñecemento da Red Española de Grupos de Pesca

A Red Española de Grupos de Pesca está a celebrar en Asturias unha sesión plenaria para compartir proxectos inspiradores e valorar a súa replicabilidade noutros territorios. O proxecto de cooperación Tanza, coordinado durante o 2020 polo GALP A Mariña – Ortegal en cooperación cos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro galegos, vén de recibir un premio nesta Sesión Plenaria.

Tanza implicou poñer en conversa as necesidades do sector pesqueiro e da inclusión social para sacar adiante iniciativas conxuntas, co apoio das administracións locais. Os proxectos xurdidos, cun enfoque medio ambiental, continúan activas a día de hoxe. A recollida de lixo mariño nas praias, a reutilización de materiais en desuso, a transformación dos plásticos en ferramentas útiles para o sector pesqueiro, ou a mellora da contorna, foron algunhas das derivas que tomaron os proxectos.

#ProxectosTanza | BURELA-IN

Actividades de recollida de plásticos nas praias, obradoiros formativos para o atado de redes de pesca, un gran mural en recoñecemento ás mulleres do mar, e unha exposición itinerante conformaron este proxecto no concello de Burela.

 

#ProxectosTanza | ÁRTABRO NORTE INCLUSIVO

Os concellos de Fene, Narón e Ferrol apostaron pola creación dun obradoiro de recuperación de plástico e crebas de madeira, inspirándose na iniciativa Precious Plastic e colaborando co Laboratorio de Plásticos e a Escola de Deseño Industrial da USC.

 

#ProxectosTanza | DIVERSIPLÁS

A Costa da Morte apostou pola creación dunha rede na que nove concellos do territorio, 6 confrarías do sector pesqueiro e agrupacións e asociacións de redeiras e mariscadoras da contorna realizan saídas ambientais e recollen plásticos para o seu tratamento no obradoiro de aproveitamento e tratamento de residuos mariños impulsado pola Asociación Íntegro.

 

#ProxectosTanza | AULA SOSTIBLE DO FREIXO

Reacondicionamento dunha instalación municipal para o seu uso como obradoiro de transformación de plástico das praias da Costa Sostible. Saídas ambientais de recollida de plástico, transformación a través de maquinaria e deseño de novos produtos, como agullas para as redeiras. A Asociación de mulleres do sector pesqueiro SEO Fisterra – Ría Muros Noia da a coñecer a actividade do marisqueo a pé e procura novos uso para o plástico transformado.

 

#ProxectosTanza | AMECOMAR

A cooperativa mexilloeira AMEGROVE colaborou coa Asociación Bata na sensibilización medioambiental dos e das socias do sector pesqueiro. Situaron contedores de recollida de plástico en Porto Meloxo, e acordaron coas embarcacións a instalación de colectores para aproveitar as saídas ao mar para traer a terra o plástico co que se atopan.