As IXPs dos viños galegos continúan medrando

Xa son 5 as comarcas incluídas nas Indicacións Xeográficas Protexidas dos viños galegos: Ribeiras do MorrazoBarbanza e IriaBetanzosVal do Miño-Ourense e a recentemente incorporada Terras do Navia. As IXPs do viño galego teñen o obxectivo de impulsar o sector vitivinícola, establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

A semana pasada reunímonos coas adegas participantes, os Grupos de Desenvolvemento Rural promotores da iniciativa, e AGACAL, para definir as accións a desenvolver despois do verán. Destacan a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, avanzar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catas comentadas de viños das IXP de Galicia. Pronto poderemos contar máis!

Continúan os Encontros Emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

En maio abordábamos a Economía Circular como oportunidade para o emprendemento, enfocándonos no textil e na moda da man de Off connection. Puidemos intercambiar ideas arredor dun modelo de produción e consumo máis sostibles, con ciclos produtivos máis longos, reaproveitando materiais xa producidos en desuso, e xerando unha menor cantidade de residuos.

Xuño foi o mes no que abordamos a Igualdade de Oportunidades, traendo a Promove: proxectos e persoas como experiencia marco. Neste Encontro Emprendedor establecemos unha conversa arredor do emprendemento das mulleres en Compostela, identificando fortalezas e obstáculos na posta en marcha de iniciativas empresariais, e poñendo en valor a economía social como modelo. Abordáronse tamén os valores destes emprendementos, onde as persoas están no centro, e tamén a confianza mútua, os coidados e as lóxicas colaborativas.

Xa inmersas no verán, a Economía Urbana foi o eixo do 6º Encontro Emprendedor. Neste espazo contamos coa iniciativa de Abastos 2.0, vinculando a importancia da oferta gastronómica co produto local. Da man de Iago Pazos puidemos achegarnos a esta experiencia de cociña de mercado, no mercado, que nos deixou con ganas de seguir saboreando estes Encontros!

O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 22 de agosto, abordando a temática da Vivenda. Podes informarte sobre as iniciativas arredor da Axenda Urbana 2030 premendo aqui!

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra – Morrazo aproba a súa estratexia 2023 – 2027 para o período LEADER

O GDR Pontevedra – Morrazo aprobou en Asemblea Xeral a nova estratexía 2023 – 2027 para o período LEADER. Este proceso desenvolveuse de xeito participativo, resultando nun documento que se estrutura nun plan de acción, de formación, de cooperación e de dinamización territorial.

O programa de axudas céntrase no apoio aos sectores agrario e forestal, tendendo á diversificación, á dixitalización, á transición ecolóxica e á sostibilidade. Así mesmo, trátase de fomentar proxectos que melloren a calidade de vida e benestar social da poboación do rural, priorizando investimentos dirixidos á prestación de servizos que creen emprego e reduzan o risco de pobreza. O plan de acción vincúlase coa Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, orientada a novos aproveitamentos do territorio, así como co Bono Activa Rural.

Podes informarte máis polo miúdo na páxina web do GDR Pontevedra – Morrazo.