As Sisargas continúan a súa singradura pola Costa da Morte co programa CociñaMares

Esta semana tivo lugar o obradoiro CociñaMares no marco das Sisargas, unha iniciativa promovida pola Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca que quere poñer en valor os oficios desenvoltos polas mulleres do mar da Costa da Morte.

Durante o 2024, mariscadoras, redeiras, mariñeiras e percebeiras visitaron os CEIPs da contorna transmitindo ao alumnado en que consiste a súa profesión. A rapazada puido ter contacto directo con profesionais con longa experiencia no mar, compartindo o seu día a día como traballadoras do sector pesqueiro e abarcando cuestións relacionadas coa sostibilidade, o asociacionismo, o liderado colectivo e as cuestións laborais das profesións vencelladas ao sector pesqueiro.


Este ano é momento de promover o coñecemento e o consumo dos produtos pesqueiros locais entre a mocidade. CociñaMares trasladouse a Muxía, onde o alumnado da FP Dual de hostalería participou dun acto onde a Dirección Xeral de Formación Profesional, a directora do IES Ramón Caamaño, e Ángeles Mille, secretaría de ANMUPESCA e redeira malpicá, trasladaron a importancia dos oficios das mulleres do mar e da capacidade dos centros educativos para fomentar o relevo xeracional e o respecto aos produtos pesqueiro de proximidade.

O acto completouse co relatorio de Cecilia Áurea Casais, nutricionista do Sergas, que incidiu na importancia de manter unha alimentación saudable como é a que se orienta ao consumo do produto pesqueiro e o produto KM0. Podes ler mais sobre o acto neste enlace ao diario Que pasa na Costa.

 

Mariscadoras ConCiencia conclúe nun encontro no Museo Meirande

O proxecto Mariscadoras ConCiencia, financiado polo GALP Ría de Vigo – A Guarda a través do programa FEMPA, vén de concluir nunha xornada final no Museo Meirande (Redondela). Neste post queremos poñer en valor as actividades desta iniciativa, desenvolta entre o 2024 e o 2025.

Ao longo do ano pasado Mariscadoras ConCiencia centrouse en establecer redes de contacto entre as mariscadoras a pé do fondo da Ría de Vigo e o persoal científico técnico, tamén instalado nesta zona costeira. Visitas a pé ás zonas de extracción das confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa foron o escenario de intercambio de información e saberes, aos que tamén se achegaron entidades medioambientais e persoal técnico e político dos concellos.

 

No mes de outubro o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo abriunos as súas portas na ECIMAT, onde persoal investigador de referencia en bivalvos e medio mariño amosounos os laboratorios e compartiu as principais liñas de investigación que se están a desenvolver. Nesta xornada puidemos poñer en común a necesidade de establecer mais espazos como este, e apoiarnos en redes xa creadas para coordinarnos e informarnos mellor sobre os avances científicos que afectan ao noso sector.

Unha vez recompilada a información e as achegas das máis de 15 entidades que se implicaron en Mariscadoras ConCiencia, celebramos en Arcade un Foro no que ordenar a información e procurar novas formas de dar continuidade a este proxecto. O foro puxo de manifesto a dificultade para concretar propostas, se ben perfiláronse algunhas liñas de futuro. Toda a información deste foro recompílase nun Catalogo de necesidades e propostas.

Xa entrado o 2025, Mariscadoras ConCiencia propúxose dar a coñecer á mocidade a importancia das mulleres do mar para a sostibilidade do sector e do medio mariño. Mariscadoras a pé con ampla experiencia no sector compartiron co alumnado do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo a súa vivencia como mulleres do mar, tanto no produtivo como no ámbito da xestión e gobernanza.

Así mesmo, un grupo de mariscadoras achegouse ao IES Soutomaior para propoñerlle un reto ao alumnado: deseñar un proxecto de economía circular co lixo mariño que recollen as mulleres do mar. Un encontro cheo de creatividade onde a rapazada amosou a súa capacidade e motivación para poñer en valor un material que, de outra maneira, sería un residuo.

A semana pasada celebrouse a xornada final, un evento no que poñer en valor as actividades realizadas e transmitir ás persoas e entidades participantes, e á veciñanza en xeral, os resultados de Mariscadoras ConCiencia. Gustaríanos salientar e agradecer a participación das entidades que se implicaron ao longo do proxecto, xa que nos aportaron moito ante a difícil situación que atravesa o marisqueo a pé.

A xornada final foi o momento escollido polo Future Oceans Lab, un grupo de investigación vinculado ao Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo, para anunciar que collerán o testigo desta iniciativa promovendo o “Estudo do marisqueo a pé en Galicia e elaboración dun protocolo de coordinación na Ría de Vigo”, co obxectivo de recompilar e dar un sentido integral aos múltiples estudos realizados arredor dos bivalvos e o medio mariño en Galicia, para deseñar e poñer en práctica solucións concretas.