Mariscando conCiencias para o futuro pasa o seu ecuador

O mes de abril foi tempo de conversa entre o corpo-mariscadora e corpo-bailarina, de escoitarnos cara adentro e expresarnos mediante o movemento, de recollerse e de recollernos xuntas. O colectivo de danza formado por Eva ComesañaAlejandra Balboa e Paula Pombar, baixo a coordinación de Xóchitl Édua (bailarina e investigadora do grupo de investigación MarSocial – CSIC) facilitaron obradoiros nos que os xestos, os movementos e a sensibilidade tomaron o papel protagonista. Estes movementos serán as pezas que formarán a danza que interprete o pasado, presente e futuro da pesca artesanal en Redondela, e que será o colofón do proxecto. Contaremos, ademais, co acompañamento musical de Acacia Ojea.

No mes de maio participamos na IV Feira da Sostibilidade Eco-Étika, organizada polo IES Luis Seoane de Pontevedra, onde xeramos redes con outras iniciativas que teñen o coidado ambiental e a participación social no seu centro. Ademais, presentamos Mariscando conCiencias para o Futuro no I Congreso Ibérico de Pesquerías Artesanais en Cantabria, levando iniciativas de arte cidadá a espazos de investigación.

E xuño tráenos novas oportunidades para imaxinar e compoñer futuros sostibles na Enseada de San Simón. Faremos un percorrido pola pesca artesanal en lugares como Xapón, México ou O Salvador que, aínda que parecen remotos, enfrontan (e afrontan) retos compartidos co sector pesqueiro galego. Ademais, reuniremos ao sector pesqueiro, ao ámbito científico, a representantes institucionais e a cociñeiras e cociñeiros para visualizar futuros desexados e construír unha folla de ruta para acadalos.

Pesca saúde nos centros de atención primaria

Pesca saúde é un proxecto de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro que afonda no vínculo entre o consumo dos produtos pesqueiros e a saúde. Ao longo do mes de maio desprazámonos á contorna dos centros de saúde da costa galega para difundir a campaña e visibilizar a colaboración entre os dous ámbitos.

Os arredores dos centros de saúde convertéronse en espazos comunitarios nos que compartimos o receitario de elaboracións saudables, con produto de proximidade e valores nutricionais, elaborados en conxunto con Arela Saúde e Númax S. Coop. galega. A veciñanza participou tamén dunha enquisa sobre hábitos de consumo de peixe e marisco, e fíxose entrega dun vale desconto para consumir nas prazas de abastos e peixerías locais.

Así mesmo, estanse a desenvolver xornadas técnicas onde profesionais da saúde comparten co público claves para o benestar e os hábitos saudables. Entre outras, abordamos o consumo de peixe para o desenvolvemento infantil, para o reforzo da saúde sexual e reproductiva nas mulleres, ou os beneficios de consumir produtos do mar nas patoloxías reumatolóxicas.

Xeración peixe!

A casa da cultura de Burela acolleu a semana pasada aos IES Perdouro e Montecastelo, e ao CEIP Vista Alegre no congreso de infancia e adolescencia. A rapazada foi a protagonista neste espazo de conversa e posta en valor de actividades realizadas ao longo da Xeración Peixe.

Compartíronse os resultados da enquisa sobre consumo de peixe entre a comunidade educativa, entregáronse os premios do certame literario da man de Antia Yañez, presentouse o receitario de elaboracións de cociña con peixe e marisco das familias, e degustouse un pincho mariñeiro deseñado polo IES de Foz. Houbo momento tamén para pasalo ben coa música de raíz da Fundación Legar, e imaxinar futuros deseados coa iniciativa Prato_do.

Pola tarde o congreso centrouse en cuestións técnicas e para un público interxeracional, relacionado coa Estratexia de Saúde Comunitaria e a nutrición relacionada co produto pesqueiro, asi como unha viaxe ao pasado e ao futuro dinamizado por Lucas Requejo, da iniciativa Prato_do.

Axiña compartiremos o vídeo do proxecto para que poidas botarlle un ollo!