Nova edición da formación dirixida ás Mesas locais de coordinación

Un ano mais arranca a formación das Mesas locais de coordinación inter – institucional contra a violencia machista. Este programa, promovido dende a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, ofrece a Concellos e Mancomunidades un acompañamento para a creación e fortalecemento destes espazos.

As mesas locais de coordinación (MLC) son espazos nos que participan diversos axentes implicados na loita contra as violencias machistas: áreas municipais dos concellos (traballo social, educación social), Centros de información ás mulleres, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, colexios e centros de saúde, entre outros. O cometido das mesas está relacionado con mellorar a intervención en casos de violencia de xénero, aumentar a prevención e traballar de maneira coordinada para mellorar a atención ás mulleres en situación de violencia e ás súas fillas e fillos.

Mariscando conCiencias para o Futuro conclúe nun encontro coa comunidade

O pasado venres as veciñas e veciños de Redondela achegáronse a este lugar para coñecer as conclusións de Mariscando conCiencias para o Futuro. Despois da benvida institucional do Concello de Redondela como anfitrións e colaboradores do proxecto, demos paso á Fundación Daniel y Nina Carasso, financiadores da iniciativa. A Fundación apoia e promove proxectos en dúas liñas estratéxicas: alimentación sostible e arte cidadá.

Presentouse a peza de danza  Á beira, ou como (re)situar o corpo na orilla, co-producida entre as mariscadoras a pé e o colectivo de danza formado por Eva Comesaña, Alejandra Balboa, Xochitl Édua e Paula Pombar. A través do corpo e da lectura dun manifesto expresaron o pasado, presente e futuro da pesca artesanal na Enseada de San Simón.

O colectivo Artelixo dinamizou un obradoiro a partir de materiais reciclados, recollidos dos areais. O alumnado puido levar a casa a súa postal e expresar as súas visións sobre o futuro do seu territorio.

No relatorio fixemos balance deste proceso desenvolvido ao longo de 2025 e 2026 e no que mariscadoras a pé, persoal investigador, artistas, escolares, asociacións e cidadanía compartiron coñecementos e experiencias co obxectivo de imaxinar futuros sostibles para o litoral de Redondela.

Agradecemos ao grupo motor deste proxecto a súa implicación: AMARTURMAR, Future Oceans Lab (Campus do Mar – UVigo), colectivo Artelixo, Concello de Redondela, colectivo de danza e Fundación Daniel y Nina Carasso.