Presentación do informe de avaliación dos Grupos de Acción Costeira
O 15 de xullo celebrouse na Finca Somoza en Santiago de Compostela a presentación da avaliación social e organizativa do Eixe IV do Fondo Europeo de Pesca para os Grupos de Acción Costeira.
O principal obxectivo deste encontro organizado pola Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia era presentar os resultados obtidos do informe e sinalar as principais propostas para o desenvolvemento de novas iniciativas no novo marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Cidadania foi a responsable da realización dos informes de avaliación para cada un dos Grupos de Acción Costeira.Nestes informes deuse conta das iniciativas desenvoltas por cada Grupo e o seu grao de execución, así como a definición de propostas de mellora para o futuro período de programación. A metodoloxía empregada para a elaboración dos diferentes informes combinou un enfoque participativo cunha análise de diferentes indicadores de carácter cuantitativo e cualitativo.
Ao encontro asistiron representantes dos diferentes Grupos de Acción Costeira e da Consellería de Medio Rural e do Mar, e contou coa presenza da Conselleira Rosa Quintana.