Atadeiras: a gobernanza das redeiras da Guarda

Onte a nave de redes da Guarda acolleu unha xornada comunitaria liderada polas redeiras, que compartiron coas persoas asistentes os resultados do proxecto Atadeiras. O espazo daba comezo coa benvida por parte do Concello da Guarda e o GALP Ría de Vigo – A Guarda, financiador do proxecto.

As redeiras contextualizaron a necesidade de poñer en marcha este proxecto e os seus obxectivos, para pasar a facer un percorrido polas actividades realizadas ao longo do 2025 e 2026:

  • creación da páxina web redeirasatalaia.es
  • recursos audiovisuais para proxectar na sala polivalente a visitas
  • un espazo expositivo que acompaña o relato da traxectoria da asociación e os seus valores (sostibilidade ambiental, igualdade, sector pesqueiro artesanal)
  • elementos artesanais confeccionados con técnicas tradicionais e mobiliario con redes de pesca recuperadas
  • programa formativo no que reforzar as capacidades individuais e colectivas
  • melloras na nave de redes para sacar o maior partido dos espazos (balcón)
  • máquina carga agullas, promovendo a innovación e mecanización

Un oficio que paga a pena coñecer da voz das propias redeiras, animámosvos a botarlle un ollo á súa páxina web!

Elas Deciden | Corpo, territorio e paz

Asamblea de cooperación pola paz Galicia lidera un ano máis o programa Elas Deciden. Nesta ocasión continúase reforzando o contacto e o intercambio de saberes entre mulleres galegas e do Salvador, ampliando as conversas sobre o que supón ser unha muller do mar, e as traxectorias das asociacións participantes no proxecto.

As redeiras de Portosín abriron as portas da súa nave de traballo, onde puidemos coñecer a arte de cerco e o seu funcionamento interno. Ao longo do obradoiro, coñecimos os fitos mais importantes vividos pola asociación, e que supuxeron melloras fundamentais nas súas condicións laborais. Por outra banda, o local de Mulleres Salgadas encheuse de conversas sobre as dificultades superadas e a unión entre o colectivo, que tamén conseguiu avanzar en retos fundamentais para o sector.

Estas liñas do tempo das asociacións serán o punto de partida para intercambiar coñecementos a ambos lados do océano. Ademais, as compañeiras de Pura Quiteria desenvolveron un obradoiro de cianotipias, unha técnica artística provinte do relevado de fotografía e que nos permitiu expresar de maneira creativa os nosos desexos cara o futuro dos colectivos das mulleres do mar. Estas cianotipias, xunto coas fotografías e audios realizados na edición anterior, poderán verse na inauguración da exposición, unha vez pasado o verán.