Imaxinamos e construímos futuro na Enseada de San Simón

Mariscando conCiencias para o Futuro continúa avanzando, situándonos na reflexión e acción cara os futuros que queremos. A primeira parada consistiu en coñecer a pesca artesanal e o marisqueo arredor do mundo. As mariscadoras de Redondela enmarcaron a situación actual do marisqueo a pé na Enseada, nunha situación crítica polos cambios medioambientais nas rías galegas. Ademais, puxemos en valor o papel das asistencias técnicas das confrarías, como figuras ponte entre o sector primario e o ámbito científico. Elena Ojea, do Future Oceans Lab, compartiu os resultados do estudo realizado sobre estratexias de adaptación ao cambio climático na pesca e no marisqueo en Galicia. Xochitl Édua, investigadora de MarSocial – CSIC, compartiu a súa experiencia con pescadores de Xapón e México. Por último, puidemos contactar en directo cunha mariscadora do Salvador, grazas á colaboración na xornada de Asemblea de cooperación pola Paz Galicia. Podes ler máis sobre a xornada nas novas do Faro de Vigo, e da Voz de Galicia, e mirar o vídeo neste enlace!

Para imaxinar futuros, organizamos un laboratorio xunto coas mariscadoras do conxunto da Enseada de San Simon (Vilaboa, Arcade e Redondela), así como co persoal investigador procedente do IIM-CSIC, CIMA e UVigo. Participou tamén o GALP Ría de Vigo – A Guarda. A través de metodoloxías creativas como o collage, visualizamos en conxunto os futuros posibles e os futuros desexados. Compartiremos axiña os resultados deste obradoiro.

Ademais, o grupo motor de Mariscando conCiencias para o Futuro xuntámonos para camiñar cara a eses futuros desexados, a través da planificación das nosas accións como organizacións. Xuntas, puidemos reflexionar sobre as nosas fortalezas e debilidades en relación ao coidado do medio ambiente, e plantexar accións realizables para o curto – medio prazo, que nos comprometimos a realizar e avaliar.

Mariscando conCiencias para o Futuro conta co financiamento da Fundación Daniel y Nina Carasso, na liña de financiamento Arte Cidadá: imaginar y componer saberes para construír futuros sostenibles. Recientemente han publicado su memoria anual, que os animamos a leer para inspiraros!