Mariscando conCiencias para o Futuro continúa a súa singradura
Redondela é o lugar que reúne ás persoas e entidades que colaboramos no proxecto Mariscando conCiencias para o Futuro. Comezamos a singradura con varios obradoiros interxeracionais onde percorrimos o pasado da pesca costeira artesanal, coñecendo técnicas, paisaxe, saberes e fitos comunitarios do sector pesqueiro redondelán. Un espazo de reflexión e toma de conciencia do legado do mar no territorio.

Navegando cara ao presente, AMARTURMAR liderou tres visitas ás zonas de marisqueo, nas que participaron o CEIP Reboreda, o CEIP Laredo, e a Asociación Lenda. Mais de 100 persoas aprendimos sobre os oficios da pesca artesanal, procuramos ameixas na zona intermareal e, da man do Future Oceans Lab, destacamos os retos ambientais aos que se enfronta de maneira especial o marisqueo a pé.

Rematamos este percorrido facendo recollidas de lixo, de onde queremos compartir con vós unha das frases que reflicten a realidade do sector e que serven como reflexión e para a concienciación: “custounos tres horas atopar un puñado de ameixas, e en tres minutos enchemos capachos enteiros de lixo”. Mira o vídeo!
E co bo tempo arrancou o Artelixo 2026! Ao longo do mes de marzo realizamos os obradoiros chamados “pezas de 3 miradas”, onde unha artista, unha mariscadora e unha investigadora colaboraron para crear unha obra artística e participar do festival comunitario. Este ano, Artelixo xirou entorno á temática “ata aquí chegaba o mar”, e contou coa participación de máis de cen entidades e artistas colaboradoras. Podes ler mais sobre Artelixo: Volve Artelixo a Redondela |Arte para a concienciación social

Pasado, presente…e futuro! Mariscando conCiencias para o futuro continúa a través da pesca costeira artesanal arredor do mundo, os tres horizontes da zona costeira, o plan de acción sostible das entidades e o prato forte: a peza de danza. Empregaremos o corpo como ferramenta de reflexión, investigación e creación, en espazos liderados polo colectivo composto por Xochitl Édua, Eva Comesaña, Alejandra Balboa e Paula Pombar.
Mariscando conCiencias para o Futuro é posible grazas ao financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, na súa liña de financiamento Arte Cidadá: compoñendo saberes para imaxinar e construír futuros sostibles.
