Ondas Limpas: coidado medioambiental en Burela
O Concello de Burela alíase co Burela Surf Club nesta iniciativa arredor do coidado medioambiental a través do deporte e da arte participativa. O proxecto foi coordinado polo Centro de Educación Medioambiental GAIA e desenvolveuse entre o 2024 e o 2025.
O obxectivo de Ondas limpas foi o de sensibilizar á veciñanza co coidado da zona costeira, mediante un programa de actividades de sensibilización e acción ambiental, deportiva e artística, con especial enfoque na mocidade e no reforzo da participación das asociacións locais.
SENSIBILIZACIÓN MEDIOAMBIENTAL
Un dos eixos do proxecto foi o da concienciación medioambiental, polo que Ondas Limpas iniciouse a través de saídas de recollida de refugallos nas praias da Marosa e o Perdouro. Os refugallos atopados (na súa maioría plásticos e micro-plásticos, ademais de lixo de maior formato), foron almacenados para o seu posterior uso no mural artístico da Marosa.
BURELA SURFEIRA
No outono do 2024 visitaron Burela surfistas de alto nivel e recoñecemento internacional, para compartir coa comunidade a súa vivencia e comprensión dos océanos. Coa chegada da primavera, o Burela Surf Club desenvolveu grupos de iniciación a este deporte, conseguindo achegar a práctica do surf a persoas que non o probaran nunca, e estendendo os valores do coidado medio ambiental e respecto ao mar a través do deporte.
O MURAL DA MAROSA
Arte participativa con refugallos. Belen Mogo e Martin Lestao deseñaron e deron vida a unha nova obra artística en Burela, cos piares do coidado medio ambiental e do surf. Como é habitual na súa maneira de traballar, contaron con mans e ideas do tecido asociativo local.
UNHA XORNADA DE POSTA EN VALOR
Ondas Limpas concluíu nunha xornada na Marosa, onde se puxeron en común as conclusións e actividades do proxecto. O persoal político e técnico, así como as entidades que lideraron as actividades, compartiron coa comunidade o momento final deste proxecto.