Nova edición da formación dirixida ás Mesas locais de coordinación
Un ano mais arranca a formación das Mesas locais de coordinación inter – institucional contra a violencia machista. Este programa, promovido dende a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, ofrece a Concellos e Mancomunidades un acompañamento para a creación e fortalecemento destes espazos.
As mesas locais de coordinación (MLC) son espazos nos que participan diversos axentes implicados na loita contra as violencias machistas: áreas municipais dos concellos (traballo social, educación social), Centros de información ás mulleres, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, colexios e centros de saúde, entre outros. O cometido das mesas está relacionado con mellorar a intervención en casos de violencia de xénero, aumentar a prevención e traballar de maneira coordinada para mellorar a atención ás mulleres en situación de violencia e ás súas fillas e fillos.
