Entradas

EspazoCoop organiza a xornada de resultados de CONSOLIDA+

A Morada Cooperativa acolleu na súa casa este martes a xornada CONSOLIDA+, organizada por EspazoCoop. O encontro enmárcase na celebración do Ano Internacional das Cooperativas, e serveu para compartir os resultados deste programa de acompañamento personalizado a especializado ás cooperativas socias, que este ano superou ás mais de 750 horas de asesoramento en distintos procesos.

Ademais, puidemos coñecer liñas de financiamento para cooperativas e a Oficina Económica de Galicia.

A xornada contou, ademais, cunha mesa de posta en común de proxectos cooperativos da talla de 7H Coop, Númax e Simbiose. Cunha longa traxectoria, reflexionamos en colectivo sobre os fitos, os desafíos, os modelos organizacionais e sobre que entendemos por “estar consolidadas”. Non queremos deixar de destacar, ademais, as ganas explícitas de reforzar a intercooperación, ao que dende Cidadania sumámonos xa que non podemos estar mais dacordo!

O peche institucional contou coa presenza de Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, e de Claudia Rodríguez, integrante do Consello Reitor de EspazoCoop. Agradecemos a EspazoCoop a organización destas xornadas, que permiten atoparnos e que sempre nos recargan de enerxías!

Xornada de aprendizaxe colectiva: a equidade como proposta de valor das entidades de ESS

A semana pasada achegábamonos á Pobra do Brollón para xuntarnos con compañeiras e compañeiros da Economía Social e Solidaria arredor da xornada “A equidade como proposta de valor das entidades de ESS”, organizada por REAS Galiza.

O encontro tivo como fío condutor a xeración dunha diagnose participativa sobre como aplicamos a equidade como valor dende a Economía Social e Solidaria. As conclusións e aprendizaxes compartidas ao longo da xornada plasmaranse nun recetario que ordenará as fórmulas compartidas, que podemos poñer en práctica na nosa vida e na contorna laboral.

E como tivemos a sorte de contar con Adela Vázquez Veiga, deixámosvos estes fermosos Memogramas que elaborou e que, ademais de recoller as conclusións e contidos da xornada, plasman o ambiente acolledor e de aprendizaxe colectivo.

Grazas a REAS Galiza por organizar este encontro, á Asociación veciñal de Salcedo por acollernos, e ás compañeiras de Outonía S. Coop. galega por achegarse a compartir.