Entradas

Mariscadoras ConCiencia conclúe nun encontro no Museo Meirande

O proxecto Mariscadoras ConCiencia, financiado polo GALP Ría de Vigo – A Guarda a través do programa FEMPA, vén de concluir nunha xornada final no Museo Meirande (Redondela). Neste post queremos poñer en valor as actividades desta iniciativa, desenvolta entre o 2024 e o 2025.

Ao longo do ano pasado Mariscadoras ConCiencia centrouse en establecer redes de contacto entre as mariscadoras a pé do fondo da Ría de Vigo e o persoal científico técnico, tamén instalado nesta zona costeira. Visitas a pé ás zonas de extracción das confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa foron o escenario de intercambio de información e saberes, aos que tamén se achegaron entidades medioambientais e persoal técnico e político dos concellos.

 

No mes de outubro o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo abriunos as súas portas na ECIMAT, onde persoal investigador de referencia en bivalvos e medio mariño amosounos os laboratorios e compartiu as principais liñas de investigación que se están a desenvolver. Nesta xornada puidemos poñer en común a necesidade de establecer mais espazos como este, e apoiarnos en redes xa creadas para coordinarnos e informarnos mellor sobre os avances científicos que afectan ao noso sector.

Unha vez recompilada a información e as achegas das máis de 15 entidades que se implicaron en Mariscadoras ConCiencia, celebramos en Arcade un Foro no que ordenar a información e procurar novas formas de dar continuidade a este proxecto. O foro puxo de manifesto a dificultade para concretar propostas, se ben perfiláronse algunhas liñas de futuro. Toda a información deste foro recompílase nun Catalogo de necesidades e propostas.

Xa entrado o 2025, Mariscadoras ConCiencia propúxose dar a coñecer á mocidade a importancia das mulleres do mar para a sostibilidade do sector e do medio mariño. Mariscadoras a pé con ampla experiencia no sector compartiron co alumnado do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo a súa vivencia como mulleres do mar, tanto no produtivo como no ámbito da xestión e gobernanza.

Así mesmo, un grupo de mariscadoras achegouse ao IES Soutomaior para propoñerlle un reto ao alumnado: deseñar un proxecto de economía circular co lixo mariño que recollen as mulleres do mar. Un encontro cheo de creatividade onde a rapazada amosou a súa capacidade e motivación para poñer en valor un material que, de outra maneira, sería un residuo.

A semana pasada celebrouse a xornada final, un evento no que poñer en valor as actividades realizadas e transmitir ás persoas e entidades participantes, e á veciñanza en xeral, os resultados de Mariscadoras ConCiencia. Gustaríanos salientar e agradecer a participación das entidades que se implicaron ao longo do proxecto, xa que nos aportaron moito ante a difícil situación que atravesa o marisqueo a pé.

A xornada final foi o momento escollido polo Future Oceans Lab, un grupo de investigación vinculado ao Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo, para anunciar que collerán o testigo desta iniciativa promovendo o “Estudo do marisqueo a pé en Galicia e elaboración dun protocolo de coordinación na Ría de Vigo”, co obxectivo de recompilar e dar un sentido integral aos múltiples estudos realizados arredor dos bivalvos e o medio mariño en Galicia, para deseñar e poñer en práctica solucións concretas.

Colaboramos co Concello de Burela nos proxectos Ondas Limpas e Burela Alumea

O Concello de Burela vén de recibir a resolución definitiva do FEMPA, xestionado mediante o programa de axudas do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña – Ortegal. O municipio burelense desenvolverá ao longo do 2024 e 2025 dous proxectos enmarcados na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa da zona costeira, onde o Grupo de Participación Adolescente da localidade terá un papel protagonista na posta en valor do patrimonio cultural mariñeiro e o coidado medio ambiental.

 

Burela Alumea | O espello do faro

Burela é un dos 5 portos pesqueiros máis importantes en Galicia. O seu faro, unha gran estrutura material e tamén simbólica forma parte da identidade da vila (cun espazo central no seu escudo), tivo que ser reparado despois dos fortes temporais do ano 2014. Para a súa reparación empregouse unha armazón metálica, que será reparada, e se convertirá no Espello do Faro, sobre o que xirarán as actividades de recuperación do patrimonio cultural material e inmaterial. A través de obradoiros de radio e fotografía, o grupo de participación adolescente compartirá experiencias coas asociacións locais do sector pesqueiro, recompilando contidos sobre a historia mariñeira da vila, que serán plasmados nunha obra artística sobre o espello do faro, que se convertirá nun novo punto de interese de Burela Bonita.

 

Ondas Limpas

O coidado do medio ambiente é tarefa de todos e todas. Neste programa de sensibilización – acción medioambiental, desenvolveranse diversas actividades nas que a mocidade burelá, as súas familias, as asociacións locais e o sector pesqueiro, pasarán á acción poñendo en marcha distintas propostas: xornadas de recollida de lixo e plásticos nos areais, elaboración dun mural artístico participativo empregando os refugallos recuperados, e o prato forte deste proxecto, a colaboración co Burela Club de Surf na práctica deste deporte, que leva no seu ADN o coidado (e o desfrute) da natureza. A contorna da Marosa será o escenario destas actividades, das que iremos informando!

Inaugúrase a exposición Elas Deciden: Corpo, territorio e paz

A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz coordina o proxecto Elas Deciden: promover a equidade de xénero facilitando espazos de reflexión crítica e aprendizaxes significativas para imaxinar e construír colectivamente alternativas de xustiza social. Nesta edición, Elas Deciden xirou arredor dos conceptos corpo, territorio e paz.

Ao longo do Elas Deciden desenvolvéronse espazos de encontro entre mulleres do norte e do sur global, poñendo o foco na importancia das mulleres implicadas na pesca costeira artesanal. Mariscadoras e curileras, pescadoras, xunto con tejedoras e redeiras, reflexionaron sobre os seus oficios e os vínculos cos conceptos corpo, territorio e paz: a importancia da sostibilidade ambiental, o coidado dos recursos, o corpo como ferramenta, o traballo en colectivo, as redes de apoio e a defensa do territorio son algunhas das reflexións que se recollen nesta exposición colectiva, que tece vínculos a través dun océano. En Galicia participaron mariscadoras de Vilanova de Arousa, vinculadas á Asociación Mulleres Salgadas; e redeiras de Portosín, da Asociación de redeiras do cerco.

Onte foi a inauguración da exposición fotográfica e sonora, onde podemos achegarnos á realidade das mulleres do mar do Salvador e de Galicia. A exposición pode visitarse no Museo do Pobo Galego ata finais de xullo: non vola perdades!

 

Preséntase o mapa das mulleres da pesca da provincia da Coruña

A pasada fin de semana a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA) presentou o mapa das mulleres da pesca na provincia da Coruña, un proxecto financiado pola Deputación da Coruña co obxectivo de dimensionar aos distintos colectivos profseionais e poñer en valor a contribución das mulleres á cadea de valor na pesca.

A xornada comezaba coa benvida de Elma Saiz, Ministra de inclusión, Seguridad Social y migraciones, e de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña. Rita Miguez de la Iglesia, presidenta de ANMUPESCA, destacou a necesidade de apoiar ao sector pesqueiro, e en especial ás profesionais do marisqueo a pé, debido á situación de cese de actividade dende o último trimestre de 2023.

A elaboración do mapa requiriu labores de investigación e traballo de campo. Poden consultarse os datos da presenza das mulleres da pesca, da transformación de produto pesqueiro e da súa comercialización a través das capas seleccionables do mapa, así como as fotografías tomadas durante o traballo de campo e cedidas polas profesionais e as confrarías de pescadores. Ademais, pode consultarse a presenza no territorio das redeiras e o asociacionismo das mulleres do mar, dada a súa especial relevancia na provincia da Coruña.


Conclusións
A información analizada abarca a máis de 6.000 mulleres na cadea de valor da pesca, cun predominio importante da industria conserveira, que ocupa a máis de 3.200 traballadoras. Xunto ao marisqueo a pé (809 mulleres) e o comercio maiorista de produtos pesqueiro (623 mulleres), son as actividades profesionais con maior presenza das mulleres.

Así mesmo, cabe sinalar a segregación ocupacional por sexo nalgúns sectores profesionais: aqueles feminizados (as redeiras é un colectivo formado por 94,5% de mulleres), mentres que na pesca, o marisqueo a flote e a captura do percebe a presenza das mulleres non supera o 20%.

Elas deciden: Corpo, territorio e paz

Asamblea de Cooperación pola Paz Galicia é unha ONGD sen ánimo de lucro, laica e independente, que desenvolve proxectos arredor da cooperación ao desenvolvemento, a acción humanitaria, a intervención social e a economía social e solidaria. Na súa estratexia global sitúase o apoderamento das mulleres do Sur e Norte global.

Dende o 2019, ACPP desenvolve o proxecto “Elas Deciden: promover a equidade de xénero facilitando espazos de reflexión crítica e aprendizaxes significativas para imaxinar e construír colectivamente alternativas de xustiza social.” En edicións anteriores Elas Deciden xirou arredor dos dereitos reprodutivos e o artivismo feminista, para dar un salto cualitativo neste 2024. Elas Deciden constrúese entorno aos conceptos de Corpo, Territorio e Paz.

Durante o proxecto haberá espazos de intercambio de experiencias e coñecementos, promoción de aprendizaxes mutuas e unión de forzas cara a obxectivos comúns das mulleres da pesca. Dende Cidadania, ademais, encargarémonos da elaboración dunha exposición fotográfica de mulleres do mar, que complemente á exposición das mulleres da pesca artesanal do Salvador.

 

 

O Sal do Mar: obradoiro de comunicación e liderado das mulleres do mar

O Sal do Mar é un programa promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Ría de Arousa. O Sal do Mar ten como obxectivo dar a coñecer o programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través de obradoiros de formación e información arredor dos intereses das mulleres do mar. Neste obradoiro, a xerente do GALP compartiu coas asistentes as novidades do FEMPA e a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo.

Habilidades dixitais, saúde sexual e reprodutiva, economía circular, benestar psicolóxico ou dereitos laborais e asociacionismo foron algunhas das temáticas abordadas en anteriores edicións. A semana pasada celebramos un obradoiro arredor das habilidades para falar en público e os liderados transformadores e colectivos, no que bateeiras e mariscadoras puxeron en práctica pautas e estratexias para reforzar estas capacidades.

Se ben é certo que as mulleres nas profesións do mar son hoxe en día máis visibles e contan con maior recoñecemento social, todavía son unha minoría nos postos de representación das entidades das que forman parte.

A Aula Sostible do Freixo gaña o 2º premio á innovación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Os premios de Excelencia á innovación para as mulleres rurais convócanse polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dende o ano 2010, co obxectivo de dar visibilidade á labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as súas actuacións emprendedoras nos seus territorios.

A Aula Sostible do Freixo conseguiu o 2º Premio na categoría da Excelencia á innovación na actividade pesqueira, onde se coopera entre varias entidades para transformar residuos plásticos procedentes da actividade pesqueira (e outros plásticos do ámbito doméstico) en ferramentas pesqueiras revalorizadas, constituíndo unha práctica de economía circular. Podes ler máis sobre o proxecto neste artigo.

A  Aula Sostible do Freixo tamén conta co recoñecemento da Consellería do Mar nos Premios de Economía Azul, na categoría Economía Circular. Moitos parabéns a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro de Muros – Noia e ao Concello de Outes como promotores do proxecto, e ás entidades de inclusión social participantes (ADISBISMUR, A Creba e Asociación Misela), ao GALP Costa Sostible, e a todas aquelas persoas e entidades que senten este proxecto como seu: por moitos máis éxitos!

 

O Sal do Mar conclúe nun encontro de asociacións de mulleres do mar

A semana pasada celebrábamos o final do programa O Sal do Mar, un proxecto de animación promovido polo Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Ría de Arousa, para a promoción da igualdade de xénero no sector. Este encontro de mulleres do mar puxo en valor o asociacionismo do sector, os avances conseguidos nos últimos anos e tamén a importancia de compartir para avanzar xuntas. A Direción Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro recoñeceu a labor do GALP en canto á visibilización das mulleres do mar, mentres que a xerente do GALP Ría de Arousa relatou as accións desenvoltas ao longo do período FEMP para o impulso das mulleres do sector.

A parte central da xornada desenvolveuse nunha Mesa Redonda na que asociacións de mulleres do mar tomaron a palabra: ANMUPESCA, Mulleres Salgadas e O Peirao, Federación galega de redeiras artesás, compartiron a súa experiencia asociativa e abordaron o momento actual no que se atopan as tres entidades. Ademais, debateuse sobre os acordos finais acadados no 7º Congreso Nacional de la Red Española de Mujeres en el Sector Pesquero, e sobre as actividades desenvoltas polas entidades ao longo destes últimos anos.

Bitácoras do Mar: proxectos de economía azul no sector pesqueiro

O proxecto Bitácoras do mar é promovido en cooperación entre 5 Grupos de Acción Local de desenvolvemento Pesqueiro galegos, e pretende resaltar aqueles proxectos de cada zona costeira que impulsaron iniciativas ligadas á economía azul, o desenvolvemento sustentable e o reforzo da cohesión social dos territorios.

O proxecto parte da participación activa do sector pesqueiro e da cidadanía, polo que convidámosche a participar seleccionando un proxecto en cada zona, a través deste concurso. A persoa gañadora poderá desfrutar dunha experiencia mariñeira para dúas persoas composta pola degustación dun menú mariñeiro nun dos establecementos da zona e as entradas para un dos espazos expositivos vinculados co mundo do mar.

Elaboramos e presentamos o panel de hábitos saudables no traballo das mulleres do mar

Nos últimos meses estivemos traballando, xunto coa Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo Fisterra – Ría de Muros Noia e o GALP Costa Sostible, na elaboración dun panel que recolle boas prácticas para coidar a saúde no ámbito laboral das mulleres do mar. O panel construíuse colectivamente, despois dun proceso formativo da man de profesionais da saúde que formaron ás mulleres en aspectos como o coñecemento corporal e fisiolóxico do corpo, a identificación de patoloxías derivadas da actividade laboral, a prevención de enfermidades asociadas ao xénero e a idade, o benestar emocional e o auto-coidado, ou a adquisición de hábitos saudables. O resultado do proxecto é un panel de saúde, que está visible en distintos puntos de encontro (lonxa, confraría, punto de control…) nos que as profesionais do marisqueo desenvolven o seu traballo.