Novos cursos “Educar en cooperativismo”

A UCETAG ten entre as súas liñas de acción a promoción do cooperativimo e os seus valores cara á infancia. Habilidades relacionadas coa cooperación, a resolución de conflitos, a igualdade e a toma de decisións en común deben ser traballadas desde infantil e primaria. En secundaria, o coñecemento das cooperativas e experiencias próximas permite coñecer máis medios de vida que o traballo por conta allea ou os negocios individuais, e poñer en valor ás cooperativas como un referente positivo.

Sobre todas estas cuestións, Cidadanía ten colaborado coa UCETAG no deseño de materiais didácticos e na realización de obradoiros en infantil, primaria, ESO e ciclos formativos. O curso ‘Educar en cooperativismo’ permite transmitir esa traxectoria e materiais a estudantes e profesionais do mundo da educación: profesorado, educación social, educación para o tempo libre, etc.

Trátase de coñecer mellor o modelo cooperativo e as ferramentas adecuadas para transmitilo aos nenos e nenas das diferentes idades, e aos mozos e mozas que xa se atopan máis próximos ao mundo laboral.

O curso é presencial e ten unha duración de 20 horas. Está programado en diferentes datas e localidades, como Santiago (8 a 11 de marzo), Xermade (14 a 17 de marzo), A Coruña (15 a 18 de marzo), Vigo (dúas edicións: 4 a 7 de abril e 25 a 28 de abril) ou Moaña (13, 14, 20 e 21 de abril) .

Podes obter mais información e inscribirte en: www.ucetag.org

Foro de Metodoloxías participativas

Como parte da Rede CIMAS (www.redcimas.org) , Cidadanía quere trasladarvos a información sobre o Foro de Metodoloxías Participativas que celebraremos en Madrid os días 22 a 24 de abril de 2016.

O encontro articúlase en talleres de traballo en común, que permitan reflexionar, compartir e repensar os procesos participativos cos que traballamos desde diferentes entidades.

Podedes consultar máis información en:

ForoMetodoloxiasParticipativas

Reeditamos os cursos de Asembleas e reunións

Asembleas2016XeralPara aquelas persoas que participan en numerosas xuntanzas, a UCETAG organiza un ano máis o curso ‘Asembleas e reunións’, dentro da programación de actividades da Rede Eusumo. Este curso gratuíto é unha oportunidade para reflexionar sobre o funcionamento das nosas asembleas e reunións e coñecer métodos prácticos para melloralas.

Os contidos recollen a traxectoria de traballo de Cidadanía con centros de ensino, cooperativas, asociacións e diferentes procesos de participación cidadá.

Presenta ferramentas prácticas para facer as reunións máis efectivas, participativas e cun mellor clima grupal.

O curso é on-line, con dúas sesións presencias nas que se porán en práctica as técnicas aprendidas.

Comeza o 1 de marzo e remata o 15 de abril. As sesións presenciais son o 1 de marzo e o 12 de abril en Vigo, 2 de marzo e 6 de abril na Coruña, 3 de marzo e 7 de abril en Santiago e 8 de marzo e 12 de abril en Cangas. Todas en horario de tarde, de 17 a 20 horas.

Podes obter mais información e inscribirte en: www.ucetag.org