A cooperativa Cidadanía estrea web

Vén de poñerse en funcionamento cidadania.coop, a nova web da cooperativa Cidadanía, cun deseño mellorado e máis adaptado ás novas potencialidades da comunicación social con respecto á anterior web de 2010. A través dunha cabeceira principal pódese acceder ao todo o contido relativo á cooperativa, aos seus valores, áreas de traballo e biografías, redes, novas, publicacións e datos de contacto.

Cidadanía é unha cooperativa galega de traballo asociado fundada en 1999. A investigación social e a consultoría pública son as súas actividades principais. Na actualidade conforman o equipo multidisciplinar de Cidadanía seis persoas socias, todas elas profesionais do ámbito das ciencias sociais. A articulación entre a investigación, a planificación pública, a xeración de capital social e a innovación desde os principios cooperativos, así como a aposta pola democracia participativa son as súas principais liñas de traballo. As súas accións desenvólvense na dimensión comunitaria e pública da realidade social. Teñen traballado no deseño e no desenvolvemento de iniciativas de economía social para a administración pública, con ONGs e co sector asociativo e veciñal.

Unha cooperativa de referencia

Pola súa bagaxe e bos resultados no deseño de procesos participativos, Cidadanía é desde hai anos un referente a nivel galego e estatal no avance e dinamización de procesos de participación cidadá e na aplicación de metodoloxías participativas ligadas ao deseño de políticas públicas.

En 2016 recibiu o Premio á Cooperación 2016 ao Mellor Proxecto Cooperativo pola súa conexión entre a cidadanía e as administracións. Ten participado en numerosos encontros e congresos de promoción da economía social e solidaria, e ten sido referencia para outras cooperativas do seu perfil creadas noutras localidades do Estado.

Desde a súa creación até hoxe formaron parte da equipa de Cidadanía diversas persoas socias e traballadoras que gardan un recordo óptimo da súa aprendizaxe; tamén son moitas as persoas traballadoras da administración e técnicas que falan da cooperativa desde a admiración e o recoñecemento:

“Cidadanía foi para min a verdadeira universidade, na que cobraron vida palabras como metodoloxía, traballo en equipo, corresponsabilidade, proxectos… Cidadanía representa o benestar común, a dedicación á igualdade e o bo facer do equipo humano que leva anos construíndo cidadanía.” (LUCÍA CANOURA. Técnica de proxectos).

“En máis dunha ocasión, acudimos a Cidadanía para obter guía e axuda na posta en marcha de procesos participativos. En tódolos casos nos que recabamos a colaboración de Cidadanía os resultados foron extraordinariamente satisfactorios. Cidadanía sempre achegou valor por riba das nosas expectativas. Dalgún modo, Cidadanía achega algo único; algo que se me antolla imposible de atopar noutras consultoras.” (FERNANDO BOUZAS. Administrador de Promoción e Comunicación do Centro de Supercomputación de Galicia).

“O equipo de Cidadanía destaca pola súa sensibilidade e respecto á hora de abordar un proxecto, así como polo seu compromiso cooperativo e persoal. Non se trata de cubrir expediente senón de realizar sempre o mellor traballo posible dando o máximo, sobre todo cando se trata de participación cidadá, onde brillan polo seu saber facer”. (MARÍA MUÍÑOS. Ex socia de Cidadanía e bióloga).

“Cidadanía foi a miña casa, a miña escola de profesión e vida: alí aprendín a investigar, analizar a realidade social, planificar, elaborar políticas para a mellora colectiva, intervir e coordinar proxectos sempre dun xeito cooperativo. Aprendín a traballar en equipo, desde a crítica construtiva, a esixencia intelectual e o coidado anímico das compañeiras e compañeiros. Este laboratorio de innovación cidadá é quizás o grupo de investigación social e pensamento crítico máis importante que teña dado o país en moito tempo é unha empresa pioneira no deseño e aplicación de metodoloxías de participación.” (MARCOS LORENZO. Ex socio de Cidadanía, consultor de proxectos culturais e sociais).