Viveiro co-creador: creando comunidade en Barro – Meis

Ao longo do mes de outubro, Cidadanía coordinou un espazo de encontro e coñecemento entre as empresas que forman parte do Viveiro de Barro – Meis, impulsado dende a Deputación de Pontevedra.

As persoas emprendedoras que teñen a súa actividade instalada no Viveiro reuníronse para identificar en grupo elementos e necesidades comúns, de cara a organizarse colectivamente e dinamizar o propio espazo, creando comunidade entre os e as viveiristas.

Desta forma, aproveitando o espazo do café para favorecer o encontro e o coñecemento entre distintas persoas que comparten o espazo, xeráronse sesións de traballo ben produtivas.

“É colaboración todo o que o parece?” – Xornada Espazo Coop

EspazoCoop promove a celebración da xornada “Novas economías: é colaboración todo o que o parece?”, que terá lugar o luns 28 de outubro en Vigo. Na xornada abordaranse novas formas de economía como a Economía do Ben Común, B-Corporations, Economía circular, da funcionalidade, feminista, positiva, procomún, colaborativa, social e solidaria; e diversidade de cores, entre os que destacan a economía azul e a verde.

Asi mesmo, nesta xornada participarán organizacións que porán luz sobre as novas economías: Foro pola Economía Social Galega, cooperativa Medatlántia, Reas Galicia, Coop57 Galicia, Arçs cooperativa, cooperativa Árbore Consumo Consciente, empresa de inserción Cormo Integral Érguete, centro especial de emprego Galega de Economía Social, plataforma colaborativa Ben Mercado, cooperativa Mulleres Colleiteiras, Fundación Érguete, Sudirección xeral de Economía Social e a Unión de Cooperativas EspazoCoop.

O encontro terá lugar na sede da Fundación Érguete Integración, Avenida Martínez Garrido, 21 (Vigo) en horario de 10:00-14:00. A inscrición é GRATUÍTA, e podes consultar o programa da xornada aquí.