Elas deciden: Corpo, territorio e paz

Asamblea de Cooperación pola Paz Galicia é unha ONGD sen ánimo de lucro, laica e independente, que desenvolve proxectos arredor da cooperación ao desenvolvemento, a acción humanitaria, a intervención social e a economía social e solidaria. Na súa estratexia global sitúase o apoderamento das mulleres do Sur e Norte global.

Dende o 2019, ACPP desenvolve o proxecto “Elas Deciden: promover a equidade de xénero facilitando espazos de reflexión crítica e aprendizaxes significativas para imaxinar e construír colectivamente alternativas de xustiza social.” En edicións anteriores Elas Deciden xirou arredor dos dereitos reprodutivos e o artivismo feminista, para dar un salto cualitativo neste 2024. Elas Deciden constrúese entorno aos conceptos de Corpo, Territorio e Paz.

Durante o proxecto haberá espazos de intercambio de experiencias e coñecementos, promoción de aprendizaxes mutuas e unión de forzas cara a obxectivos comúns das mulleres da pesca. Dende Cidadania, ademais, encargarémonos da elaboración dunha exposición fotográfica de mulleres do mar, que complemente á exposición das mulleres da pesca artesanal do Salvador.

 

 

Formación dirixida ao profesorado no marco do Globo

O Globo: observatorio para educar na cidadanía global consolídase como espazo para a promoción da participación social, despois de 5 anos de percorrido. As escolas e o profesorado son unha peza fundamental deste proxecto para a transformación social.

Neste inicio do 2024, O Globo desenvolve a terceira edición da formación “A educación para a cidadanía global como ferramenta socioeducativa”. Unha formación de 20 horas (homologables pola Consellería de Educación), con metodoloxías participativas e prácticas, e que orientarán ao profesorado a poñer en marcha experiencias de transformación social co seu alumnado.

As profesoras e os profesores con interese en participar na formación, poden atopar máis información aquí, e inscribirse a través deste enlace.

Animámosvos a participar neste espazo formativo onde xerar rede con outros compañeiros e compañeiras, e deixaros acompañar para ofrecer ao voso alumnado unha experiencia de participación para a transformación social da contorna.