Surfeando Ondas Limpas en Burela

A mocidade burelá deuse cita na praia da Marosa para participar nunha das actividades centrais do proxecto Ondas Limpas. Ao longo de seis grupos durante dúas xornadas, veciñas e veciños de Burela iniciáronse na práctica do surf e surkskate, da man do Burela Surf Club, unha asociación local que vincula a práctica deste deporte co coidado do medio mariño e a súa contorna.

Ademáis, os artistas locais Belen Mogo e Martin Lestao están liderando a elaboración dunha obra mural participativa no local cedido polo Concello ao Burela Surf Club. O mural mestura motivos mariñeiros e deportivos coa sostibilidade e a reutilización dos refugallos, xa que moitas partes do mural están compostas por materiais recollidos en encontros nos areais de Burela. A primeira fase para a elaboración do mural desenvolveuse na Asociación Camiña e nos CEIPs locais, Vista Alegre e Virxe do Carme, onde as rapazas e os rapaces elaboraron pezas que serán instaladas no muro. Ao longo desta semana estanse unindo outras entidades como a Fundación Eu Son e Saúde Mental A Mariña.

Liderados polo Centro de educación medio ambiental GAIA do Concello de Burela, entidades locais de inclusión, CEIPs e entidades medioambientais recolleron lixo mariño nas praias de Burela, foron almacenados e agora serán empregados para concienciar a veciñanza e visitantes a través da súa reutilización.

Ondas limpas despregou unha programación de actividades diversas para aumentar a participación veciñal e aprender que é posible coidar do medio ambiente a través da arte, do deporte e do activismo. Ter o privilexio de desfrutar da natureza pasa por comprometernos a coidala.

Celébrase unha sesión temática da Rede de Turismo Pesqueiro de España

O pasado xoves tivo lugar, na casa do Concello de Burela, unha sesión da Red de Turismo Pesquero de España organizada pola Fundación Expomar, que conta con financiamento europeo a través da Secretaría de Estado de Turismo.

En Burela deuse a coñecer a Rede á veciñanza, presentando a súa razón de ser e o seu funcionamento. Así mesmo, contouse con experiencias exitosas de pescaturismo e valorización do patrimonio cultural en Galicia.

Na zona da Mariña – Ortegal, Serxio Muíño Freire compartiu coas persoas asistentes a iniciativa Eufundevivo, que amosa Santo Andrés de Teixido poñendo en valor a autenticidade, a tradición e a historia do pobo investigando e interpretando distintos recursos do territorio. Ademais, Sauro Martínez compartiu a súa experiencia de pescaturismo Mariñeiro por un día!, onde as persoas poden acompañar aos profesionais do Playa de Sanxenxo nunha xornada de pesca artesanal na Ría de Pontevedra.

Despois, o Concello de Burela puxo en valor as actividades apoiadas para poñer en valor o patrimonio cultural e a actividade pesqueira que define a Burela como un dos cinco grandes portos galegos: o barco museo boniteiro, a ruta do mar e do barro, as festas patronais, e a propia gastronomía a partir do produto pesqueiro, son algúns dos recursos desta vila mariñeira.

Por último, a xornada rematou cunha proposta cultural arredor da música de raíz, con Xabier Blanco & Marina Ferradás, que amenizaron a xornada coa súa proposta musical acompañada duns petiscos pesqueiros e viños da terra.

 

Agareso celebra un encontro entre centros educativos no marco do EpDLab

Esta semana, o Auditorio de Bandeira en Silleda acolleu un encontro intercentros dentro do Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento EpDLab. Este proxecto, coordinado por Agareso, cumpre 10 anos neste curso. O proxecto EdDLab diríxese a mellorar as habilidades de reflexión crítica e participación social do alumnado e do profesorado da ESO de cinco IES de Galicia, nas localidades de Boiro, Bueu, Viana, Brión e Silleda.

A longo do curso escolar a comunidade educativa que participa no EpDLab realiza un traballo de reflexión ao respecto das desigualdades e os elementos xeradores da pobreza e inxustizas desde as ferramentas da comunicación e traballando as competencias dixitais. No encontro mocidade e profesorado compartiron as súas aprendizaxes e intercambiaron ideas que abordaron nos obradoiros realizados nos centros de ensino nos meses anteriores. Cidadania desenvolve nesta edición os traballos relacionados coa avaliación externa do proxecto.

Na sesión houbo tempo tamén para coñecerse mellor e compartir risas e ilusións. Arredor de 100 alumnas e alumnos, co acompañamento de 11 profes, traballaron arredor dos 5 grandes temas escollidos polos propios grupos a comezos de curso:  Saúde mental e benestar, Medio ambiente, Activismo e cambio social, Dereito á educación e Convivencia e bo trato.