Un venres no que coidar as redes!

Uns en Santiago, outras en Betanzos: o pasado venres, o equipo de Cidadania participamos en dúas xornadas de fortalecemento e xeración de redes cooperativas e relacionais, organizadas en Santiago por EspazoCoop e en Betanzos pola Escuela Juana Millán e 50pés Consultoras.

EspazoCoop | Ano internacional das cooperativas e Asemblea Xeral

A Unión de Cooperativas EspazoCoop desenvolveu na Cidade da Cultura este espazo no que dar conta dos traballos desenvoltos durante o 2024 e marcar as liñas mestras dos vindeiros anos. Recoñeceuse, ademais, a labor das cooperativas con máis de 20 anos. A ocasión culminou coa celebración do Ano internacional das cooperativas 2025 baixo o lema “Somos rede, somos impulso”, nunha xornada na que seguir tecendo rede co ecosistema cooperativo galego.

 

Escola itinerante Juana Millán | Escola de emprendedoras Juana Millán e 50pés consultoras

Betanzos acolleu este espazo para tecer redes entre mulleres emprendedoras, con empresas de nova creación e consolidadas, fortalecendo o ecosistema produtivo local. Os espazos de dinamización os conduciron 50pés consultoras e Alalá cooperativa. Despois de desfrutar dun xantar comunitario, puidemos camiñar o roteiro “Betanzos en femenino”, un percorrido histórico da impronta das mulleres na vida da cidade. E por se fose pouco, foi un espazo de encontro con mulleres ás que moito admiramos!

 

 

Nova edición formativa coas Mesas Locais de coordinación contra a violencia machista

Os concellos galegos participarán deste programa formativo promovido pola Dirección Xeral de Loita contra a violencia de xénero, desenvolvendo tres itinerarios que se adaptan aos distintos momentos nos que se atopan as Mesas Locais de Coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero (MLC): formación para a constitución da MLC, para o seu impulso, ou para a elaboración de protocolos de actuación municipal.

Dos 313 concellos galegos, 162 contan cunha MLC propia ou mancomunada. O aumento na formalización destes espazos de coordinación é notable dende o ano 2016, onde só había espazos de coordinación formal no 20,4% dos concellos galegos. A antigüidade media das MLC constituídas é de arredor de 8 anos, e a súa composición rolda as 16 persoas, destacando a participación dos centros educativos, servizos sociais, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Centros de información ás mulleres.

A mellora da coordinación institucional para fortalecer a atención ás vítimas recóllese na medida 78 do Eixo 2 do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

 

 

Nós temos formación en igualdade!

Un ano máis, o equipo de Cidadania S. Coop. galega participamos da formación organizada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a través do Itinerario Virtual de Xénero. Este programa formativo, que xa vai pola súa 12 edición, ofrece á comunidade universitaria e outras persoas con interese en formarse ou actualizarse nun abano de temáticas ben diversas para afondar no coñecemento e práctica da igualdade e loita contra a violencia de xénero.

As temáticas que se abordan abranguen dende aspectos introdutorios (perspectiva de xénero, economía, comunicación, educación, etc), ata cuentións englobadas na educación sexo-afectiva; ciencia, tecnoloxía e xénero; políticas de igualdade, e novas reflexións sobre o sexo/xénero.

Nesta edición, destacamos o curso “Novas leis para atallar as violencias machistas: medidas normativas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero”, impartido por Marta García Mosquera, profesora titular de Dereito Penal da facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Cursar esta formación permitiunos refrescar normas xurídicas en relación á loita contra as violencias machistas, e ampliar os nosos coñecementos sobre actualizacións no ámbito xudicial, que mellorarán o noso quefacer profesional.

Así mesmo, recomendamos o Boletín de Igualdade, elaborado mensualmente pola Unidade de Igualdade e que sempre nos mantén informadas e onde atopamos recursos, persoas e novidades de interese. Compartimos a insignia de formación en igualdade: