Costa da Morte – Terra Atlántica converte as romarías en receitas

A marca Costa da Morte – Terra Atlántica é unha iniciativa que pon en valor as empresas e iniciativas de referencia no territorio. Arredor da marca aglutínanse experiencias e produtos locais que fortalecen o territorio, consolidando a identidade e a singularidade da Costa da Morte.

Neste marco, a pasada semana celebrouse unha xornada aunando produto do agro, gastronomía local, artesanía e cultura, na que participaron as entidades locais do territorio e representantes das Comisións de Festas. O alumnado do IES Ramón Caamaño de Muxía interpretou receitas vencelladas ás 9 romarías da Costa da Morte, construíndo un vínculo entre o produto local, as tradicións, e as persoas implicadas no desenvolvemento das festas.

 

Inaugurouse o espello do faro en Burela

O Concello de Burela promoveu O Espello do Faro, unha iniciativa arredor da posta en valor do patrimonio material e inmaterial pesqueiro da vila. O elemento central do proxecto foi o molde do faro, unha estrutura de grandes dimensións empregada para a reparación do Pena Burela, tras un temporal no ano 2014.

En paralelo á reparación do molde nos estaleiros, desenvolvéronse actividades para a recollida de patrimonio inmaterial pesqueiro a través de radio e fotografía, contando co apoio de Brais Lorenzo e Serxio Pascual, do colectivo Habitar o Baleiro. Nestes obradoiro xuntamos á rapazada do grupo de participación adolescente coa asociación A Moncloa, empregando radio e foto para sacar á luz vivencias do sector pesqueiro e intercambiar información entre xeracións.

A rapazada fixo fotografías, retratando os rostros do sector pesqueiro, e grabou audios de homes de mar xubilados e mariñeiros migrantes, de redeiras e de mulleres da conserva, que construíron e dan vida á historia e desenvolvemento local.

Xa no 2025, con contidos arredor da frota pesqueira, as lendas, o produto pesqueiro, os oficios, as festas mariñeiras, etc, e co molde do faro instalado na zona da Marosa, chegou o momento de fusionar as dúas pezas. A través do concurso MoldeArte, David Catá dirixiu e desenvolveu “La piel del mar”, unha obra que plasma a identidade mariñeira desta vila.

A cor azul, as redes en desuso e adaptadas pola man das redeiras Cabo Burela, unha peza de encaixe realizada pola Asociación As Encaixeiras de Burela, e uns xogos de luz e música transmiten o sentir de Burela cara o mar. Ademais, David Catá compuxo unha peza musical que acompaña á proposta artística.

 

O espello do faro conclúe coa inauguración da obra artística, converténdose nun elemento de referencia veciñal que transmite o vínculo de Burela co mar, funcionando como espello en terra do faro no mar.

Se queres saber máis, preme neste enlace para ver o vídeo do que aconteceu na inauguración! Inauguración molde do faro

 

Nace Ostras do Ártabro!

A confraría de Pontedeume acolleu esta semana a presentación do proxecto Ostras do Ártabro, impulsada en conxunto polos pósitos de Pontedeume e Barallobre (Fene) para poñer en valor a ostra rizada como producto local de calidade. O acto celébrase no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Golfo Ártabro Norte, e reuniu a representantes do sector pesqueiro, institucional e técnico, nunha aposta por transformar un produto que ata hai pouco era considerado unha especie invasora. Trátase de explorar as posibilidade de convertela, a través da transformación, nun recurso gastronómico con identidade propia.

A iniciativa ten por obxectivo promover o consumo en fresco da ostra rizada, e desenvolver unha proposta para a súa transformación en conserva artesanal, que dinamice o mercado local e a economía de proximidade. Na xornada vimos algúns resultados elaborados con ostra rizada desenvoltos por Nair González, de Muelle 43 Mugardos, que dan boa conta da importancia de investigar, formarse, elaborar e divulgar este recurso para valorizalo.

 

Xornada Transformando a Cidade dende o Cooperativismo en Santiago de Compostela

O Teatro Principal acolleu o pasado mércores o evento “Transformando a cidade dende o cooperativismo”, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e a Unión de Cooperativas Espazocoop con motivo do Ano Internacional das Cooperativas.

Durante a xornada puidemos gozar da obra teatral “As que limpan”, da compañía A Panadaría. Despois, fomos convidadas a participar dun coloquio coa participación de compañeiras das cooperativas A Panadaría, 7H, e Maos

Con todas temos cruzado camiños e nesta ocasión puidemos poñer en común as nosas traxectorias profesionais e as achegas do cooperativismo en Santiago de Compostela. A xornada, organizada por EspazoCoop e o Concello de Santiago dende o departamento de Promoción Económica, enmarcouse nas accións desenvoltas arredor do Ano Internacional das Cooperativas e o programa Feito en Santiago.