Pesca Saúde: o noso mar faiche ben

Pesca Saúde é un proxecto de cooperación promovido por sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, coordinado polo territorio Costa Sostible – Ría Muros Noia.

O proxecto ten por obxectivo poñer o foco na alimentación equilibrada, vinculando o benestar da poboación co consumo de produtos pesqueiros frescos. Aprenderemos como inflúe na nosa saúde incorporar hábitos saudables, neste caso a través da cociña e do produto local.

Ao longo de Pesca Saúde colaboraremos co persoal sociosanitario galego, coas peixeiras e os mercados de abastos, e co ámbito da restauración para xerar unha linguaxe común e unha mensaxe que reforce hábitos alimentarios de calidade.

Acompañamos ás Mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

As Mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero (MLC) son espazos privilexiados para poñer en común información, contrastar dúbidas e fortalecer a confianza entre o persoal técnico de diversas áreas que atenden a mulleres en situación de violencia e ás súas fillas e fillos. Entre outras, están compostas polos Centros de información ás mulleres, área sanitaria, forzas e corpos de seguridade do Estado, áreas educativa e social, e tecido asociativo local. O obxectivo último das MLC é prestar unha atención integral e máis coordinada que avance cara a sociedades libres de violencias machistas.

O programa formativo, liderado pola Dirección Xeral de Loita contra a violencia de xénero, levounos pola xeografía galega a concellos e mancomunidades con distintas necesidades:

  • Constituír formalmente a MLC, definindo en común obxectivos, periodicidade, responsabilidades, etc
  • Impulsar á actividade da MLC, en aqueles lugares onde o espazo de coordinación está constituído, pero atopa desafíos para o seu desenvolvemento
  • Acompañamento para a elaboración do protocolo local de coordinación, adaptado ás necesidades e recursos de cada concello

Sabías que existían estes espazos? Se queres máis información sobre estes espazos de coordinación, podes consultar esta guía.